A deriva autoritaria do PP

A única forma en que unha oligarquía económica e política pode facer prevalecer deseños elitistas e anti-populares é através de métodos autoritarios

A única forma en que unha oligarquía económica e política pode facer prevalecer deseños elitistas e anti-populares é através de métodos autoritarios. Así o ensina a historia.

Desde que comezou esta crise autoinducida polos poderes económicos, que vían como a taxa de gañancia descera e que era preciso renegociar o contrato social en función só dos seus intereses, foi moi evidente que as políticas en curso non podían contar con respaldo social, por seren profundamente contrarias aos intereses das maiorías. No caso de Galiza, alén de máis, por seren moi lesivas para o noso país, para a súa base material, e para calquer hipótese de alargamento dos seus espazos de libre decisión.

A minoría quer ter máis poder do que en boa lide democrática lle correspondería

A UE é o paradigma de como os poderes políticos, nas actuais condicións do capitalismo, involúen cara á autocracia, sen nengún tipo de control efectivo por órgaos de representación popular. Ese modelo, como non podía ser doutro xeito, estase a levar cara abaixo ao tempo que se profundan as políticas económicas neoliberais, deflacionarias, que deprimen a economía, aumentan as desigualdades e viran máis dependentes as nacións sen Estado como Galiza.

Nese contexto hai que inserir a proposta de Feijóo de modificación da lei eleitoral, unha iniciativa que visa facer un Parlamento menos representativo da sociedade, ao reducir o número de parlamentares que se elexen de maneira proporcional aos votos emitidos polo pobo. A minoría quer ter máis poder do que en boa lide democrática lle correspondería. Erra Besteiro ao entrarlle ao trapo a Feijóo: é lexitimar a súa pulsión autoritaria. Non se pode entrar a negociar o que ten toda a pinta de acabar sendo un pucheirazo.