O estado das "four nations"

O conflito entre o Estado e Catalunya é basicamente un conflito de natureza política

 

O conflito entre o Estado e Catalunya é basicamente un conflito de natureza política, mais Madrid opta por tentar zanxalo a partir dunha focaxe do asunto exclusivamente de orde pública, legalista. Emprega o Tribunal Constitucional como ariete, pondo en evidencia que aquí non existe división de poderes, e xa sabemos que cando o xudicial é un apéndice do executivo, mal se pode falar da existencia de democracia. Estamos a falar dun conflito secular e dun conflito que as elites españolas xestionan en 2014 como desde hai 300 anos, desde 1714, facendo abstracción de que Catalunya existe como nación e ten unha vocación inquebrantábel por exercer os dereitos que como tal lle corresponden.

Se o conflito é político, a solución terá de ser política

Rajoy manexa o asunto con ollar curto-pracista, pensando só no calendario eleitoral, sabedor de que a súa única baza é a de se envolver na bandeira españolista. Mas até A Moncloa sabe que o agravamento do problema da distribución do poder político no Estado é irreversíbel e que o que até agora valía -contemporizar, agardar que Catalunya recuperase o seny- xa non funciona. Até a Moncloa sabe que o réxime do 78 non dá máis de si. Até Rajoy sabe que terá que mover peza, aínda que iso -ser proactivo, non deixar que o tempo resolva por si só os problemas- lle inspire unha preguiza infinita.

Se o conflito é político, a solución terá de ser política. O Estado español ten perante si dúas opcións. A primeira, a puramente resistencialista, a da afirmación de que España é una e soberana, a de tentar alargar a agonía da restauración borbónica. A segunda, a pragmática, a de sintonizar con Cameron e a súa expresión do Estado das four nations. Esa é a única saída a este conflito. Si, no Estado hai nacións distintas da española. E si, todas e cada unha delas teñen dereito a decidir se queren ou non queren estar, se queren ou non queren independizarse.