Euro, democracia e soberanía

En varios artigos teño tratado as consecuencias positivas que tería unha saída do euro, non só dende un punto de vista económico e social, senón ademais democrático.

En varios artigos teño tratado as consecuencias positivas que tería unha saída do euro, non só dende un punto de vista económico e social, senón ademais democrático. Concretamente nun artigo do semanario SermosGaliza dicía encol deste tema “a curto prazo poderíase recuperar a economía e o emprego e, o máis importante, as clases populares e as nacións periféricas do Estado terían maior capacidade de presión sobre as decisións socio-económicas”. Varias persoas fixéronme posteriormente preguntas sobre os argumentos para facer esta valoración, especialmente a relativa a unha mudanza na correlación de forzas, que recoñezo estaba pouco desenvolvida por cuestións de espazo. Polo que intentarei ampliar agora neste artigo, de xeito moi conciso, os razoamentos que me levaron a esta conclusión.

Coido que este é o momento para fixar postura e dar argumentos sobre este tema polo nacionalismo galego. É unha cuestión da máxima importancia, que está presente acotío nos medios de comunicación, que non se pode obviar, xa que entra de cheo en temas como: as condicións de vida e o modelo social, a democracia e a soberanía. Ignorar este debate é perder unha oportunidade para clarificar a proposta social e nacional a grandes segmentos da poboación, especialmente á máis golpeada polo axuste. Os dados son clarificadores, malia a manipulación, entre un 25-30% das persoas optan pola saída no Estado español. Non temos enquisas sobre a opinión en Galiza e por clases. É unha parte significativa da poboación, moi superior ao peso electoral do nacionalismo galego. Sen dúbida é unha base moi consistente que compre ampliar e sería un erro non facelo, deixando todo o escenario político para as clases dominantes. Cómpre reforzar a actualidade da postura histórica do nacionalismo sobre o euro e a UE.

Ante todo é preciso sinalar que non é o mesmo saír da zona euro por decisión propia a que sexa unha imposición do chamado “núcleo duro” da Unión, aínda que cara á xente non se presente exactamente así. Na primeira opción quen marca as prioridades é o país que opta por voltar a unha moeda propia, polo que ten vantaxes evidentes, mesmo partindo de condicións previas de moita debilidade negociadora. No segundo caso, serán os que fiquen na moeda común os que decidan os criterios e marquen os ritmos, asegurando moi en curto os seus intereses. É verdade que nesta segunda opción terá máis custes a nivel económico e social, porén tamén as clases dominantes do pais que sae fican máis golpeadas (xa que se amosan como incapaces), e a recomposición política e social pode ser máis profunda. En calquera caso, coido que a proposta debe ser a saída do euro, aínda que a opción non depende esencialmente das clases populares da nación galega, dada a correlación de forzas.

Un estudo feito en Alemaña calcula nun 10% os custes da ruptura do euro para este país, e dun 11% para o Estado español. Tanto como o que xa se perdeu de PIB desde o inicio da crise (reaxuste). Coas últimas medidas tomadas polo Goberno central os custes económicos para os empregados/as públicos supera esa contía, e se sumamos os anteriores axustes máis que a dobran. Asemade, cómpre facer algunha matización a este suposto. A primeira, que non tería igual repercusión en todas as actividades da economía, xa que atinxiría especialmente ao sector financeiro e a aquelas empresas moi ligadas ás importacións e exportacións. Por outra banda, o lóxico sería non pagar a chamada débeda “odiosa”, ou cando menos renegociala, e facer outro tanto con todos os créditos exteriores, especialmente os do sector público. As hipóteses que se barallan de que a débeda co exterior dobraríase, só pretenden asustar e pechar o camiño a esta solución, xa que sería un gran golpe á expansión da globalización neoliberal (ao imperialismo), que mesmo podería supoñer unha viraxe no proceso (afectando gravemente os intereses das clases dominantes). Este é o motivo polo que se lle dá tanta importancia, esgotando todos os recursos de presión para evitalo, sen ter en consideración as consecuencias sociais para Grecia, Portugal, Irlanda ou o Estado español.

Feitas estas aclaracións vou ao tema central do artigo. Coido que resulta evidente que unha saída do euro, cunha segura re-negociación da débeda, e moi posibelmente do propio marco de integración na UE, significa unha perda de peso político daquelas empresas máis internacionalizadas, ou sexa, da alta burguesía máis ligada á globalización neoliberal. Un conflito desta importancia, entre as clases dominantes, coas tensións que xeraría, daría lugar a que cada unha das fraccións do capital procurase aliados para fortalecer a súa postura. No caso do empresariado con intereses na globalización buscando apoios nas estruturas europeas e institucións internacionais (FMI, BM, OCDE); e aqueles sectores máis ligados á produción estatal, nacional e local, hoxe subordinados, procurarían artellar alianzas cos autónomos e a clase traballadora. Ou sexa que as clases subalternas terían un papel máis importante neste novo escenario económico e político. Entendendo que, de se dar este suposto, este novo escenario sería conxuntural, xa que o capital sempre pulará por seguir concentrando e centralizando a riqueza, xa que vai no seu xene.

O fortalecemento do papel das clases populares, e dos sectores empresariais máis achegados ao territorio, tamén fortalecería ás forzas das nacións sen estado propio, como Galiza, tanto no eido económico, como simbólico, e polo tanto a nivel social e político. Ademais, resulta evidente, que a capacidade de presión sobre o Estado español sempre será maior que no marco da Unión Europea, por razón da diferenza de peso demográfico, económico e político en cada un dos contextos. Hoxe xa non valen consideracións inxenuas, como as de que a UE ía ser valedora da igualdade dos dereitos de todos os pobos. A práctica demostrou que foi unha integración na que os dereitos que se respectan son exclusivamente os do gran capital, e que as únicas razóns que se entenden son as do poder e do negocio. Claro que unha saída do euro ten custes económicos, porén seguir dentro ten moitos máis, e implica andar no camiño contrario ao avance nos dereitos sociais e nacionais de Galiza.

Malia que se acadara este novo escenario, non se pode ignorar que os organismos executivos europeos son designados á marxe de calquera proceso democrático. Non é algo casual, nen conxuntural, que sexa deste xeito, tendo en conta a consolidación das institucións e o longo proceso de construción. É unha consecuencia lóxica da correlación de forzas, dos obxectivos fundacionais, e todos os tratados posteriores que fortaleceron esta tendencia. Por iso os lobbys teñen unha capacidade de presión inmensa sobre os organismos da UE, que se considera como normal, dando así carta de legalidade e trato especial aos grandes grupos económicos. Daquela todo o que debilite a súa inxerencia nas decisións políticas, ou rache con este marco ao servizo exclusivo do capital que é UE, supón un paso adiante no respecto á vontade popular e abrir espazos a un cambio. Fago estas últimas consideracións porque non podemos esquecer que coa saída do euro non se remata coas presións neoliberais e as noxentas dinámicas impostas desde Bruxelas, só sería un respiro, un paso adiante fundamental no camiño correcto.