Feijóo, colaborador necesario do calote

Feijóo gábase de ser aliado das vítimas das preferentes. En realidade, é colaborador necesario do calote. Este día, xustificou a quita porque seica é unha decisión de Bruxelas, excede as súas competencias, coitadiño, el nunca é responsábel de nada.

Feijóo gábase de ser aliado das vítimas das preferentes. En realidade, é colaborador necesario do calote. Este día, xustificou a quita porque seica é unha decisión de Bruxelas, excede as súas competencias, coitadiño, el nunca é responsábel de nada. É un pobre argumento desviar a responsabilidade á burocracia unioneuropeísta, non porque non sexa responsábel, que o é, senón porque, mesmo así, un representante do pobo sempre ten algunha marxe de actuación. Pensemos en Chipre. Alí tamén había un diktat europeo, unánime, os 17 ministros de Finanzas a danzaren ao unísono perante Merkel. Mas que fixo o Parlamento da diminuta Illa mediterránea? Entoar a cantiga portuguesa de que se lixe a troika. A pelota voltou a Bruxelas, que agora procura unha saída distinta. É incerto como rematará a partida, mas cando menos os chipriotas xogan. O goberno Feijóo non, non xoga, simplesmente ocupa o campo, non goberna, enche os despachos. E desde logo non defende os intereses populares.

A quita anunciada hoxe polo FROB é un roubo. Un corralito muito máis gravoso que aquel fronte ao que se ergueu a sociedade chipriota (sen esa rebelión previa o Parlamento tería sido manso cumpridor das ordes da emperatriz). Un roubo que politicamente é delictuoso. Feijóo é aliado non das vítimas, senón dos ladróns. De luva branca, mas ladróns.