Fumigan o país

  Os movimentos de defensa dos bosques alertan da dramática substitución da selva polos cultivos de palma aceiteira en países como a Indonésia ou Nova Guinea. O movimento en defensa do delta do Níxer alza-se en armas para denunciar ao mundo cómo as empresas petroleiras destrúen os recursos piscícolas e as formas de vida tradicionais desa parte de Nixéria.

 

Os movimentos de defensa dos bosques alertan da dramática substitución da selva polos cultivos de palma aceiteira en países como a Indonésia ou Nova Guinea. O movimento en defensa do delta do Níxer alza-se en armas para denunciar ao mundo cómo as empresas petroleiras destrúen os recursos piscícolas e as formas de vida tradicionais desa parte de Nixéria. En Namibia ou Botsuana, mozos e vellos da etnia san deambulan alcolizados polos novos subúrbios, desprazados das suas terras do Kalahari polas empresas que andan á procura de diamantes.

Será porque estamos en Europa, porque xa temos hábito ou por ambas cousas, que a nosa condición de desheredados da terra xa non nos sorprende. A diario calibramos a ínfima capacidade de integración do negócio celulósico na urdime social, económica e ecolóxica que define o noso país. A instalación de ENCE sobre unha ría potencialmente tan produtiva como a de Pontevedra. A contemplación de calquer monte do noso litoral, dominado masivamente por árvores foráneas, xa non nos conmove. Ambos casos son o resultado das nefastas políticas forestal e industrial padecidas nos últimos cincuenta anos.

Mais hoxe temos outra magnífica oportunidade para entender o xogo de roles que nos tocou vivir. Esa oportunidade dano-la un pequeno gurgullo, o chamado Gonipterus scutellatus, hoxe xa coñecido en amplas comarcas do país simplesmente como “o gonitero”, a praga do eucalipto que está “de moda”.

A recente contratación dun plan de planificación de fumigacións desde helicóptero pola patronal da celulosa viría confirmar a vulnerabilidade que mostran as masas de eucalipto nas provincias de Pontevedra e A Coruña. A suposta pasividade da Xunta agacha, en realidade, un paso máis na determinación de erradicar o gurgullo ou, polo menos, de minimizar os seus efectos de ralentización do crecemento do eucalipto.

O problema da aplicación masiva do insecticida Cascade é que afecta por igual a outros insectos presentes nos eucaliptais, como as abellas que andan á procura do seu pole. Se no Gonipterus o proceso desencadeado incide na síntese da quitina, nas abellas convertería-se nun potente neurotóxico. E resulta que as aplicacións desde helicóptero coincidirían en boa parte coa época de floración.

Por tanto, encontramo-nos co tradicional fenómeno de colisión directa de dous modelos de aproveitamento do medio rural. Por un lado, o encarnado nas celulosas e os eucaliptos, un modelo excluínte, monopolista, opaco, insustentábel e claramente pernicioso do ponto de vista ambiental. Por outro lado, o modelo que simbolizaría a abella e o seu enxamio, a polinización e a colleita, en definitiva, un modelo integrador de agricultura, gandería e aproveitamentos silvícolas ao servizo da nosa terra e do progreso da nosa xente.

Do lado do primeiro modelo, o PP. Como sempre, a defender os intereses do oligopólio da madeira de desintegración, que ten situado importantes aliados nas entreteas do poder autonómico. Do lado do modelo integrador, todos aqueles que aspiramos a que o noso povo teña a soberanía plena para poder decidir cómo planificar e aproveitar racionalmente os seus recursos, garantía de futuro. E non só. Porque calquera persoa cun mínimo de intelixéncia se decata que un operativo como o planificado carece de xustificación e, se a ten, é a mesma que fomenta a perversión do sistema produtivo e o uso abusivo dos recursos naturais.

O corolário non pode ser outro. Fumigar significa desinfectar por medio de fumes, gases ou vapores. As fumigacións proxectadas son en realidade pulverizacións dunha solución de insecticida. Pois iso, pulverizar. Levan camiño de pulverizar o país. En todos os ámbitos e ás maiores profundidades.