Fútbol tamén é sumar

Non se pode perdoar tanto. Esa é a sensación que lle queda a un tras ver o partido Betis-Deportivo.

 

Non se pode perdoar tanto. Esa é a sensación que lle queda a un tras ver o partido Betis-Deportivo. A situación segue sendo dramática e poñer tres puntos de distancia sobre os postos de descenso no canto de un, a estas alturas de tempada semellaba un colchón confortable. De aí que horas despois do encontro haxa que lamentar as oportunidades de Riki, até en dúas ocasións, Bruno Gama, Silvio e Oliveira, principalmente. Aínda que, por outra banda, habería que dicir que o Depor salvou un punto valioso se lembramos a grande actuación de Aranzubía, que está de novo providencial, ou cando as xogadas polémicas en contra... volveron quedar no limbo da moviola.

O que queda é o resultado e o valor do que reflicte o taboleiro de marcas. Seis partidos consecutivos con seis resultados positivos. Seis resultados que serven para vivificar. O fútbol, en estado de urxencia, non importa, ou pesa menos ante a imperiosa necesidade de sumar o que sexa para aferrarse á máxima categoría. Así que, importa salvarse. Importa estar outro ano en Primeira División. Importa estar ao outro lado do inferno.

O valor do empate ante o Betis é que o Deportivo está fóra de perigo unha semana máis. Significa que o Deportivo é quen de manter a dinámica positiva. Psicolóxicamente é un reforzo para a seguinte final. O equipo de Fernando Vázquez está obrigado a conservar e rendibilizar a colleita tras catro victoriosas semanas consecutivas. Pero os rivais apretan e xogan cada partido, como o Deportivo, como unha final. Eles tamén suman, tamén escalan e o perigo non acouga.

Juan Domínguez é o comandante da nave herculina, o home que ten visión de xogo, o cerebro que controla ás hostes branco e azuis.

A radiografía do partido déixanos unha idea: os xogadores están comprometidos e están dando todo o que poden. Para sacarse o chapeu a actuación de Riki cun gol que nos lembrou a Makaay en Montpellier. Gran gol. Gran temporada. Capaz de converter o complicado e errar o que semella máis sinxelo. Onte foi un exemplo. A carreira de Riki sorteando pernas e furando a porta de Adrián foi asombrosa. Ese gol foi a constatación de que a clave para dobregar o Betis era montar contragolpes ultra rápidos. O Depor gañou por velocidade aos andaluces, pero errou nos metros finais, onde foi inocente, lento.

A outra foto fixa do partido é para Juan Domínguez. Espectacular. Entregouse en tarefas defensivas, escondeu o balón, pisou todos os centímetros do terreo de xogo, e axudou a construír. Juan Domínguez é o comandante da nave herculina, o home que ten visión de xogo, o cerebro que controla ás hostes branco e azuis.

Reflexionando sobre os vindeiros cinco partidos que quedan, Vázquez terá que pensar cómo apuntalar o centro da defensa. O Kaká do Betis semella o Kaká do Real Madrid, inofensivo, preocupante. Molina fixo do central brasileiro un pandeiro. Kaká lembrounos a Mino, aquel central do Español, humillado polo incesante serpenteo de Bebeto. Aythami, sen Marchena ao carón, está perdido. Pero ten que ter claro que o sevillano está K.O. Para o que queda da temporada. A necesaria recuperación de Valerón tamén merece comentario. Semella que está fundido. O Depor necesita a Valerón o cento por cento, como o Barcelona a Messi. Haberá que pensar cómo recuperalo.

Só quedan cinco partidos. Só queda un mes de competición. Só queda o máis difícil, pero non o imposible. Si se pode. Riazor vai seguir empurrando, sen dúbida.

P.D.: Próxima cita en Riazor. sábado ás 22:00 co Atlético de Madrid. Salvo o Osasuna, todos os rivais xogan na casa. Cando o Depor saia ao céspede a xogar saberá xa o que fixeron Osasuna, Granada e Celta. Suficiente para non dormirse.