Galicia 3 – Escocia 15

Periodicamente escoitamos que en Galicia hai demasiadas universidades, demasiados campus universitarios e que seica todo iso é síntoma do minifundismo que nos caracteriza. É un deses retrousos que se repiten de cando en vez, que nunca se cuestionan e que, ata hai pouco, eu tiña absorbido como certo. Sen embargo, en canto comezamos a ampliar un pouco máis o campo de visión, atopamos paralelos se cadra sorprendentes.

Periodicamente escoitamos que en Galicia hai demasiadas universidades, demasiados campus universitarios e que seica todo iso é síntoma do minifundismo que nos caracteriza. É un deses retrousos que se repiten de cando en vez, que nunca se cuestionan e que, ata hai pouco, eu tiña absorbido como certo. Sen embargo, en canto comezamos a ampliar un pouco máis o campo de visión, atopamos paralelos se cadra sorprendentes. Mentres que Galicia conta con tres universidades para os seus 2.800.000 habitantes, Escocia, que non ten nin o dobre de poboación, conta con quince. E o triple de estudantes universitarios: case 240.000 en Escocia fronte aos 75.000 que estudan en Galicia.

Algúns dirán que o sistema escocés (e británico) ten demasiadas diferenzas fundamentais co galego (e español) e que todos os paralelos que se poidan establecer son fútiles. Eu, sen embargo, penso que se cadra algunhas destas diferenzas poden ser xustamente o punto de partida para pensar un sistema universitario diferente e de noso.

A diferenza máis importante, ao meu ver, é que estas quince universidades escocesas non son intercambiables unha por outra. Diríxense a diferentes tipos de alumnado, ofrecen diferentes tipos de titulacións, cumpren diferentes funcións dentro da sociedade. Os estudantes son conscientes disto, e por iso o proceso de decidir a universidade á que se quere asistir implica analisar cal é a máis adecuada ás preferencias e aspiracións de cada un, máis aló de escoller a universidade que está máis preto da casa. Obviamente, axuda o feito de que as universidades poidan deseñar os seus propios títulos, sen ter que acollerse a regulacións impostas desde Londres: así, unha universidade pode ofrecer unha versión máis académica e outra unha versión máis práctica da mesma titulación. A capacidade de perfilar titulacións con personalidade propia podería ser o que salvase ao sistema universitario galego da acusación de ofrecer “titulacións duplicadas”, outro dos retrousos que aparecen periodicamente na prensa e outros medios.

Por outra banda, algunhas universidades escocesas (St Andrews, Edimburgo, Glasgow) son un importante polo de atracción para estudantes estranxeiros. E sono en parte por seren universidades anglófonas, pero tamén pola excelencia e o prestixio internacional dalgúns dos seus departamentos. Non creo disparatado pensar que, co tempo e cunha boa estratexia, algunha das universidades galegas tamén poda chegar a selo. Outras universidades, pola súa parte, dan máis importancia a valores como o outreach e o widening participation: é dicir, converterse nunha forza de cambio no seu entorno local. Isto pode incluír dar facilidades a aquelas persoas con dificultade para acceder a unha formación universitaria, ou ofrecer titulacións ou outros programas educativos axustados á realidade e á economía locais. Igualmente, coido que habería espazo para iniciativas deste tipo en Galicia. Non é ningún segredo que o sistema universitario é un dos principais sectores económicos de Escocia e do Reino Unido; non vexo por que non podería chegar a selo tamén en Galicia.