Letras Galegas 2013 para Rosalía

Aínda que nunca se repetiu o autor ou autora homenaxeada, aínda que hai escritores e escritoras con méritos abondo para seren elixidos pola Academia, tamén concorren numerosas razóns para que Rosalía de Castro sexa a autora homenaxeada no 2013:O cumprimento das primeiras 50 edicións do Día das Letras, que comezaron en 1963 con Rosalía, propicia un novo ciclo que comece en 2013 coa nosa escritora máis universal.

Aínda que nunca se repetiu o autor ou autora homenaxeada, aínda que hai escritores e escritoras con méritos abondo para seren elixidos pola Academia, tamén concorren numerosas razóns para que Rosalía de Castro sexa a autora homenaxeada no 2013:

O cumprimento das primeiras 50 edicións do Día das Letras, que comezaron en 1963 con Rosalía, propicia un novo ciclo que comece en 2013 coa nosa escritora máis universal. O primeiro Día das Letras está xa afastado no tempo, a figura de Rosalía perdida nunha certa nebulosa de lugares comúns, agardando o retorno ao primeiro plano e a novas lecturas da crítica e da cidadanía.

Mais o ano que vén concorre outro aniversario rotundo: cúmprese 150 anos da publicación de Cantares Gallegas, obra fundadora da literatura galega contemporánea e polo tanto merecedora de atención e recoñecemento singular no 2013.

A conmemoración de Rosalía no 2013 cumpriría unha dupla función: dunha banda, a de revitalizar e relanzar a Festa das Letras, enchéndoa coa figura poderosa da escritora; e, por outra, a de propiciar novos estudos sobre a súa vida e obra, necesitada de investigacións especializadas e de difusión e recoñecemento entre a c idadanía.

A súa personalidade reúne aínda outras cualidades que multiplican o efecto benéfico da celebración: a repercusión positiva para a proxección exterior da cultura galega, o estímulo para a creación literaria e artística das xeracións máis novas, o espello dunha obra que reclama xustiza e liberdade, igualdade para as mulleres, respecto e dignidade para o país, valores tan necesarios hoxe coma no tempo en que escribiu Rosalía.

A situación da lingua galega, os desafíos que ten por diante a cultura e o país merecen decisións audaces, nomes rotundos, obras poderosas. Os beneficios para as nosas letras serían claros e é difícil encontrar razóns en contra. Trátase dunha decisión excepcional, xustificada nas 50 edicións das Letras que se conmemoran este ano, nos 150 anos de Cantares Gallegos, e permitiría a partir de 2014 recuperar outros nomes que de certo merecen o recoñecemento colectivo.

Unha escritora excepcional merece unha decisión extraordinaria. Rosalía é un xenio do que moi poucas culturas do mundo poden presumir. Ningunha. Por que non darlle pois o protagonismo que merece e que reclama? A Real Academia Galega debe ser sensíbel a estas circunstacias para proclamar o ano 2013 como Ano Rosalía e homenaxear a autora coa celebración das Letras Galegas. E o país detrás, entidades, institucións e sociedade, nunha festa que comece o 24 de febreiro e se prolongue todo o ano arredor do talento e do compromiso rosaliano, fonte de orgullo, de dignidade, de futuro.

Letras Galegas 2013 para Rosalía!