"Liberade as patentes”

A fogados polas vivencias cotiás e no medio do vórtice de polémicas nas que vivimos instalados, pasou case desapercibida unha noticia que amosa dun xeito exemplar o funcionamento interno do engrenaxe do sistema do que formamos parte. O pasado 4 de febreiro a OMC desestimou a solicitude formulada por India e Sudáfrica da exención para todos os membros das disposicións do Acordo sobre os Dereitos de Propiedade Intelectual, relacionadas co comercio destinado á prevención, contención e tratamento da Covid19. A iniciativa pretendía a suspensión das patentes das vacinas contra a Covid19 e a súa correspondente liberación mentres dure a actual pandemia, o cal favorecería a produción masiva das vacinas e a súa rápida distribución nos estados que non estean en condicións de conseguir a cantidade suficiente delas como para acadar a inmunidade de rabaño da súa poboación. Non obstante, esta proposta foi tumbada pola oposición de estados tan relevantes como Reino Unido, Xapón, Canadá, os EEUU, e tamén da Unión Europea, baixo o argumento de que non hai indicios de que os dereitos de propiedade intelectual sexan un obstáculo para o acceso a medicamentos e tecnoloxías relacionadas coa Covid19. Tese que completouse cunha defensa pechada das patentes, afirmándose que a propiedade intelectual asegura a eficiente fabricación e comercialización do produto, xa que proporciona incentivos legais e comerciais esenciais para impulsar ás empresas privadas a facer investimentos e asumir riscos.

Esta polémica postura non só evidencia o aliñamento dos estados con economías avanzadas cos intereses das multinacionais, senón que exemplifica a perversión dos valores nos que se basea o neoliberalismo como modelo de xestión política, quedando de novo acreditada a primacía dos intereses económicos máis inmediatos sobre o benestar colectivo, o cal é máis insoportable nunha situación onde o que está en xogo son vidas humanas.

No entanto, a pesar de que a escaseza intencionada de vacinas que está a producirse a nivel mundial ten como obxectivo manter intactos os principios da economía de mercado, esta actitude é pouco eficiente en termos económicos. Isto explícase na medida en que as dinámicas produtivas e circulatorias das mercadorías no contexto da globalización dependen de que haxa unha estabilidade sanitaria xeneralizada. A proliferación a gran escala de contaxios ou a emerxencia de novas cepas do virus, produto de eventuais mutacións orixinadas en lugares onde a poboación non sexa vacinada, non é só inmoral, senón que dificulta o retorno a unha actividade económica a pleno rendemento. A mirada miope que procura o rendemento a curto prazo e a falta de valentía política para enfrontarse aos intereses das farmacéuticas, impiden a adopción da única medida funcional posible para o control do virus e a finalización da pandemia. Por iso, cómpre repetir ata o cansazo: liberade as patentes!