LOMCE : Unha lei de educación para a reespañolización

O segundo anteproxecto de Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) é unha proposta ao servizo da ideoloxía máis retrógrada, do españolismo máis exacerbado e submisión total aos intereses do ensino concertado e da Conferencia Episcopal aos que tan ben representa o PP.

O segundo anteproxecto de Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) é unha proposta ao servizo da ideoloxía máis retrógrada, do españolismo máis exacerbado e submisión total aos intereses do ensino concertado e da Conferencia Episcopal aos que tan ben representa o PP. Este segundo anteproxecto, amais de remarcar e amplificar a confesionalidade, o elitismo, a privatización e a recentralización da educación en relación ao primeiro, supón unha acometida totalmente destrutiva contra o galego. O obxectivo é asentar un modelo neoliberal no ensino en beneficio e proveito das clases dominantes e da españolización. Centrarémonos, hoxe, na análise deste aspecto, pois se o noso sistema educativo xa estaba afastado da nosa realidade e de costas ao que somos, agora a LOMCE impide toda posibilidade de alicerzar e mesmamente adecuar o sistema educativo á nosa realidade e á identidade que nos configura como nación.

"O obxectivo é asentar un modelo neoliberal no ensino en beneficio e proveito das clases dominantes e da españolización"

O Estado recupera todas as atribucións para poder fixar os currículos das materias troncais (Xeografía e Historia, Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química, Matemáticas, Ciencias Naturais, Ciencias Sociais, Lingua Castelá e primeira Lingua Estranxeira...). Resérvase, como mínimo, o 50% dos contidos e do horario destas materias. Non coñecemos onde situarán o máximo, mais todo fai pensar que os currículos destas materias, competencia exclusiva do goberno central, na práctica, serán fixados en exclusiva polo MECD. Ao mesmo tempo, as reválidas a realizar ao final de 4º da ESO e 2º de Bacharelato, necesarias para obter o título da ESO e Bacharelato, están deseñadas co obxectivo claro de combater a diversidade nacional, cultural e lingüística e uniformizar, absolutamente, o sistema educativo. Os contidos galegos estarán vetados nestas probas que serán centralizadas, deseñadas, elaboradas e cualificadas mediante criterios estabelecidos polo MECD e o profesorado verase obrigado na práctica da súa docencia a centrarse exclusivamente naquelas ensinanzas comúns que van ser peza clave para superar as reválidas.

O tratamento dado ás linguas oficiais diferentes do español remítenos aos tempos do franquismo. É a primeira vez que nunha lei orgánica de educación se lexisla en termos tan concretos e nocivos contra a lingua. Trátase de trasladar a esta lei o que, en boa medida, o PP está a experimentar en Galiza co Decreto de Plurilingüismo, declarado ilegal polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Agora, o ministro Wert, mediante unha norma básica para todo o estado, procura liquidar o modelo de inmersión lingüística catalán e afianzar o modelo de “trilingüismo ” en Galiza para conseguir o dominio total do español, marxinando as linguas propias até facelas desaparecer do sistema educativo. Máis unha vez, o PP inverte a realidade e malia o dominio abafante do español, tanto no sistema educativo como no resto dos ámbitos e usos, lexisla para que a lingua preponderante e allea continúe substituíndo a nosa. A pretensión colonizadora aflora con toda contundencia, xa non lle chega con que os galegos e galegas teñamos totalmente reducidos os nosos dereitos lingüísticos, senón que se lexisla, sen reparo, para facilitar e promover a ignorancia e o descoñecemento do propio idioma.

"É a primeira vez que nunha lei orgánica de educación se lexisla en termos tan concretos e nocivos contra a lingua".

Este segundo proxecto estabelece unha estrutura xerárquica das materias nos diferentes niveis educativos. Na cúspide, as materias troncais, no anterior chanzo as materias específicas e, por último, as de menor categoría, as de especialidade, entre as cales está a Lingua e Literatura galegas. Mentres que á primeira lingua estranxeira se lle outorga o estatus de troncal, o galego sitúase detrás de relixión e da segunda lingua estranxeira. Perséguese todo o que non se identifique coas esencias do españolismo ou poña en perigo a súa existencia. Así se entende que o galego nin sequera teña a condición de materia troncal. Decrétase, baixo a falacia “da liberdade de idioma”, o dereito do alumnado a negarse a estudar no noso idioma, chegando, se é preciso, á atrocidade de garantirlle a opción de escolarizarse nun centro privado, que deberá sufragar a Administración educativa, incumprindo o propio Estatuto de Autonomía (1981) e a mesma Lei de Normalización Lingüística (1983). É dicir, ampárase e promóvese o dereito á barbarie e á xenofobia con rango de lei, á cal temos que contribuír todas e todos nós cos nosos impostos.

Non hai cabida para nada que non sexa unha visión unitaria española baseada na ocultación e negación do percorrer histórico das diferentes nacións do Estado. A finalidade é continuar someténdonos a un sistema educativo cunha soa historia e cunha cultura común para todos e todas. Se reparamos no actual marco legal en materia educativa, observaremos con total nitidez que as competencias neste ámbito están máis que minguadas e os currículos, na súa case totalidade, sonnos alleos. Cuestións como a competencia e a composición dos órganos colexiados, o sistema de eleccións dos cargos directivos, a concesión de bolsas de estudo, os días lectivos, a avaliación do sistema educativo, os criterios de admisión do alumnado e a concertación de unidades continúan a ser competencias exclusivas do Estado. Agora, vense acrecentadas, coa intención de avanzar cara á uniformización total, usurpando e vampirizando o dereito teórico, xa non real, pero até agora legal, que temos de fixar o 45% das ensinanzas mínimas. Agora a LOMCE facilita que o Estado poida fixar até o 100% do currículo das materias troncais e lexisla, por primeira vez, como norma básica, sobre a presenza do galego no ensino, cuestión que até o de agora correspondía decidir exclusivamente a Galiza. Procúrase afastar o ensino da nosa realidade nacional para continuar negándonos como pobo. Excluír dos programas educativos o estudo e coñecemento de todo o que teña como fundamento a nosa realidade social, histórica, cultural. Trátase de negar o que somos para golpear con máis dureza a nosa falta de autoestima e continuar coa desconsideración e a colonización cultural.

"Agora a LOMCE facilita que o Estado poida fixar até o 100% do currículo das materias troncais e lexisla, por primeira vez, como norma básica, sobre a presenza do galego no ensino, cuestión que até o de agora correspondía decidir exclusivamente a Galiza".


Este proxecto de Lei confirma a necesidade dunha lei de educación que asuma a diversidade nacional, cultural e lingüística do estado para podérmonos dotar dun sistema educativo que nos recoñeza como galegos e galegas. Evidencia, tamén, a necesidade de termos soberanía política e dereito a decidir, para dotármonos como galegos e galegas dun sistema educativo propio que, tendo en conta as nosas carencias, necesidades e intereses, se sustente nun deseño curricular inserido na nosa realidade nacional e no dereito a instruírnos e educarnos en todo o que nos constitúe como pobo, sen deturpacións, terxiversacións e ocultamentos. En definitiva, un sistema educativo ao servizo do pobo galego.

 

Santiago, 14 de decembro de 2012

 

Anxo Louzao