Máis e mellor Europa

Os graves recurtes que ven de sofrir Galicia a respecto da recepción de fondos europeos para o periodo 2014-2020 reflicten a insuficiencia absoluta da política orzamentaria da Unión, que inviste menos do 1% do PIB europeo, fronte a níveis do 5-6% da Facenda federal USA.

Os graves recurtes que ven de sofrir Galicia a respecto da recepción de fondos europeos para o periodo 2014-2020 reflicten a insuficiencia absoluta da política orzamentaria da Unión, que inviste menos do 1% do PIB europeo, fronte a níveis do 5-6% da Facenda federal USA. Na Eurozona unificouse a política monetaria, mais vivimos aínda na relativa diverxencia de políticas fiscais e na absoluta irrelevancia das políticas orzamentarias e de reequilibrio que poidan construir un mercado transparente e aquelado dotando aos países menos desenvolvidos dos instrumentos precisos para poder competir.

"Velaí que ao mellor o problema non sexa Europa, senón o xeito no que España fai participar Galicia no teatro europeo".

A diagnose agrávase polo déficit democrático das Institucións europeas, que distribúen o Poder dun xeito demasiado complexo, pouco eficiente e orfo de transparencia e lexitimidade democrática. A Unión só pode adoptar dous camiños de futuro: retraer o seu proxecto para formarmos unha mera unión alfandegaria ou camiñar cara á unidade política. E este segundo camiño esixe unha auténtica cidadanía europea, que o Parlamento europeo sexa titular único da potestade lexislativa, un Presidente e Goberno europeos e que as institucións de base estatal, como os Consellos Europeo e de Ministros reduzan progresivamente a súa relevancia.

É certo que Galicia sofre de xeito singular as resultas desta Europa que mira máis cara aos “lobbies” ca ás persoas. Mais a grande responsabilidade destes prexuizos hai que anotalos no “debe” da intermediación do Estado español. A negociación de ingreso desarmou aos nosos sectores estratéxicos, preferindo as producións mediterráneas. Despois desnaturalizáronse axudas agrarias, dirixíndose aos ineficientes latifundios, e Fondos estruturais (6000 M€ no novo aeroporto de Madrid). Prohibiuse a construción naval civil en Navantia-Fene para salvar aos estaleiros andaluces. E durante estes anos España bloqueou coa súa apatía e euroescepticismo a participación das institucións e sociedade galegas na toma de decisións da UE e nos seus “lobbies”.

Velaí que ao mellor o problema non sexa Europa, senón o xeito no que España fai participar Galicia no teatro europeo.