Manual filosófico para a supervivencia electoral VI. Culpa e Responsabilidade

IMPUTACIÓN: acto do dereito penal no que se acusa formalmente a unha persoa dun delito concreto. No caso dos políticos existen opinións que alertan sobre unha posible afectación da presunción de inocencia (a pesares de que o problema, de forma maioritaria, non reside nos dereitos dos políticos senón na dificultade en perseguir os delitos de corrupción).

IMPUTACIÓN: acto do dereito penal no que se acusa formalmente a unha persoa dun delito concreto. No caso dos políticos existen opinións que alertan sobre unha posible afectación da presunción de inocencia (a pesares de que o problema, de forma maioritaria, non reside nos dereitos dos políticos senón na dificultade en perseguir os delitos de corrupción).

Na imputación están presentes dous elementos un tanto contraditorios: a existencia de indicios suficientes sobre unha persoa e o dereito de defensa (na reforma posterior ao franquismo procurouse evitar as investigacións inquisitoriais sen que o investigado tivera acceso a elas. Por iso, sóese imputar de xeito inmediato para evitar a indefensión sen unha diferenciación clara daqueles casos nos que os indicios son ben claros). De todos os xeitos e aplicando a máxima “Onde a lei non distingue, non podemos nós distinguir” debemos considerar a todos os imputados iguais aínda que na finalidade dalgunhas resolución prime máis o dereito de defensa.

CULPA E MASA: Elias Canetti, a partires dunha resolución inxusta e o comportamento social consecuente, dedicou un ensaio ao estudo da masa social.Diferenciou unha masa de caza (manada de homes de cazan xuntos) e masa de acoso (o perseguido é outro home) e masa de guerra (dous grupos semellantes e enfrontados). As masas, hoxendía, representan para Canetti a pervivencia dos funcionamientos arcaicos do ser humano. A pesares das súas diferenzas con Freud compartiu con el unha capacidade para mirar os lados máis crueis da vida humana. As posibilidades de cambio sitounas no que deu en chamar a masa de inversión: levantamento ou amotinamento dos grupos inferiores contra os superiores.

SOSPEITA: Paul Ricoeur no seu libro “De l´interpretation. Essai sur Freud” empregou o termo filosofía da sospeita para dar conta das relacións entre os pensamentos de Marx, Freud e Nietzshe. Estes autores puxeron en crise a sociedade e a posibilidade de acadar a verdade por parte dos seres humanos, establecendo dúbidas sobre a presunta racionalidade dos valores ilustrados. Marx, ao dicir que a conciencia está falseada por intereses económicos e identificar á ideoloxía como unha falsa conciencia; Freud, ao sinalar á represión e ao inconsciente como elementos do funcionamento mental; Nietzsche, ao sinalar o resentimento do débil como un valor moral oculto.

A SEPARACIÓN DE PODERES: Na construción dos estados europeos occidentais foron moi importantes algunhas das achegas da filosofía ilustrada. A énfase na razón, no progreso e nas posibilidades dos homes para transformar o mundo non impediu que se considerara unha sospeita anterior ás sinaladas por Freud, Marx e Nietzsche: a existencia dun estado garante a protección das persoas fronte a outras persoas pero non os dereitos das persoas fronte a ese mesmo estado. Para evitar que o estado rematase por oprimir dun xeito inxusto e impune aos cidadáns ao través das facultades coercitivas que lle outorgou a sociedade, os estados debían artellar algúns mecanismos especiais. Esta é a causa da coñecida división do poder proposta por Montesquieu n´O espírito das leis (lexislativo, executivo e xudicial) e os mecanismos de balances e contrapesos da tradición do constitucionalismo anglosaxón.

Consellos de supervivencia

 -Un imputado pode (ou non) dimitir e aos cidadáns pode parecerlle ben (ou mal).

 -Cando se formula un xuízo mediático (cuarto poder) existe a posibilidade de sementar unha sospeita sobre a democracia mesma: o poder sempre corrompe, os cidadáns nunca son corruptos, as ideoloxías son cousa inútil (A voz, convenientemente adulterada, de Marx, Freud e Nietzshe respectivamente)

-Considere que o quinto poder é algo aínda en cuestión. Para uns é a capacidade de intervención económica dos gobernos pero para outros é a nova posibilidade de comunicación ao través da rede. Corrupción política e xuíces mediáticos poderían ser formas perversas de exercelo.

 -A lei é unha verdade pero sobre todo un acordo (que llo pregunten a Sócrates antes de beber a cicuta a pesares de saber que a condena era inxusta).

 -Cando Núñez Feijoo proclama beatífico que no seu partido non cabe a corrupción considere se pretende (ou prefire) que unha sociedade de caza, de acoso, de guerra ou de inversión.

-A filosofía da sospeita debe estar presente cando decidimos a organización social e non unicamente na valoración dun caso concreto (onde a filosofía da sospeita pode ser tan só unha filosofía da conspiración).

-O poder xudicial é tan cuestionable como o poder lexislativo ou o executivo e debe estar tamén suxeito a balances e contrapesos. Deben considerarse non só as sentenzas ou medidas equivocadas senón tamén os métodos e formas. A fin de contas, o concepto moderno de imputación estableceuse para evitar investigacións inquisitoriais (como por exemplo a incomunicación, a non presenza de avogado e as viaxes dos detidos a outras cidades).