Merecemos o que nos pasa

Non direi que o teremos merecido. Ou igual si que o digo. Veña, si: merecemos o que nos pasa. Porque, a día de hoxe, segundo os últimos barómetros, o PP volvería gañar as eleccións.

O pasado primeiro de Maio foi un chisco diferente a todos os demais da historia pois, ademais de escoitarse na voz dos distintos líderes sindicais proclamas sobre o dereito ao traballo e a protesta contra da reforma do mercado laboral (esa que ía crear emprego e só crea miseria), por vez primeira tiveron case que o mesmo protagonismo as queixas contra os recurtes en sanidade, educación, subsidios ou contra os bancos e os seus abusos. Por vez primeira, o primeiro de Maio converteuse, ademais de na festa da Clase Obreira (que existe, igual hai uns anos dubidabamos, pero existe, o proletariado volve existir...cheo de mozos e mozas con carreiras e másters e sobreexplotados), nunha reivindicación dos dereitos máis básicos e nunha protesta contra o estado de acoso e derrubo que nos malgoberna.

E está moi ben que sexa así. Sen embargo, cómpre que sinalemos aquí e agora algo que, quizais, é politicamente incorrecto pero, estimo, necesario dicir: a sociedade é cómplice do que lle pasa. Non direi que o teremos merecido. Ou igual si que o digo. Veña, si: merecemos o que nos pasa. Porque, a día de hoxe, segundo os últimos barómetros, o PP volvería gañar as eleccións. Perdeu puntos en intención de voto mais, sen embargo, medra o abismo que o separa do PSOE, que se vai para o baleiro electoral absoluto. Mais isto  non importa agora. O que hai que ter en conta é que volverían gañar.

"Non direi que o teremos merecido. Ou igual si que o digo. Veña, si: merecemos o que nos pasa. Porque, a día de hoxe, segundo os últimos barómetros, o PP volvería gañar as eleccións".

Xa sei que ninguén lles votou para que desmantelaran a vida. Pero xa se sabía que ía ser así. Ou alguén imaxinaba algo distinto dun señor como Rajoy, nomeado a dedo por Aznar, e que, ademais, xa estivera no goberno e que, xa que logo, actuara politicamente como o fixera? Ou alguén esperaba que o PP non fixese a política que debe facer? Porque o PP está sendo coherente co que é: un partido liberal no senso máis brutal do termo, que cre no mercado por enriba de calquera outra cousa (Esperanza Aguirre volveu pedir esta semana o adelgazamento -ata a morte, imaxino- do aparato público do estado), moi botado para a dereita, que se sinte cómodo debaixo da sotana dos bispos, pouco amigo do que chamamos progreso (son os conservadores), etc.

O PP está a acabar con todo coa complicidade de todo o mundo. Que non dá entendido que hai máis opcións políticas, que hai visións alternativas, pensamentos diferentes. Xa se sabe, ou es do Madrid ou do Barça. Pero hai máis equipos. E por eses no apostamos.

Así que igual nos merecemos o que nos pasa.