NGB: un atraco con Feijóo como cúmplice

A crise-estafa que vivimos non vai pasar de balde. Está xa a incrementar até límites insustentábeis as diferenzas sociais, engordando o exército de reserva -os centos de miles de paradas e parados na Galiza, millóns no Estado- e os sectores excluídos do benestar.

 

A crise-estafa que vivimos non vai pasar de balde. Está xa a incrementar até límites insustentábeis as diferenzas sociais, engordando o exército de reserva -os centos de miles de paradas e parados na Galiza, millóns no Estado- e os sectores excluídos do benestar. E está a levar o proceso de concentración do capital a un ritmo e cunha dimensión en termos de volume económico sen precedentes.

As caixas -entidades de natureza social, a pesar de estaren a ser xeridas como bancos- foron desde o principio o grande obxectivo do capital financeiro. PP e PSOE foron os instrumentos políticos das elites económicas para materializar ese propósito. A concentración levaba aparellada a centralización: a drenaxe de recursos cara ao centro do Estado, a elefantiásica Madrid. Había que destruír as competencias exclusivas das comunidades. Nada máis españolista que facer desaparecer as caixas.

Feijóo foi sempre cómplice dese deseño centralista. Tamén agora, cando NGB se pon á venda e velaí temos o presidente da Xunta a se gabar de que o aforro galego resulta atractivo. No canto de o defender, entrégao en bandexa de prata. Aquí a cuestión non é tanto se o vai explotar directamente Wall Street  ou a grande banca española. Aquí a cuestión é a expatriación do noso aforro, a perda de control sobre a nosa riqueza. E aí nesa cuestión Feijóo non entra. El é un contábel ao servizo dos magnates estranxeiros, teñan a morada en Nova Iorque ou no Madrid de De Guindos.

Hai alternativa? Hai. Chámase banca pública galega. Chámase dignidade. Chámase ter un goberno galego merecente de tal nome.