Non abonda só coa mobilización

Os meios de (des)información hexemónicos, ao servizo das clases dominantes, alentan no imaxinario colectivo a idea de que as mobilizacións non serven para deter os retrocesos ou acadar avances políticos e sociais. E, ao mesmo tempo, divulgan que malia a gravidade do axuste non hai unha resposta axeitada por parte das clases populares. Malia que semelle que latexan na análise dúas concepcións distintas, xa que seica por unha banda a protesta non obtén resultados e que pola outra que a xente non realiza mobilizacións abondo, o certo é que en ambos casos fíxase na conciencia social que non hai capacidade para mudar a situación. Dáselle folgos ao derrotismo, ben porque os partidos sistémicos non van ceder, ben porque o pobo é pasivo ao carecer de forza e proxecto alternativo. 

Os meios de (des)información hexemónicos, ao servizo das clases dominantes, alentan no imaxinario colectivo a idea de que as mobilizacións non serven para deter os retrocesos ou acadar avances políticos e sociais. E, ao mesmo tempo, divulgan que malia a gravidade do axuste non hai unha resposta axeitada por parte das clases populares. Malia que semelle que latexan na análise dúas concepcións distintas, xa que seica por unha banda a protesta non obtén resultados e que pola outra que a xente non realiza mobilizacións abondo, o certo é que en ambos casos fíxase na conciencia social que non hai capacidade para mudar a situación. Dáselle folgos ao derrotismo, ben porque os partidos sistémicos non van ceder, ben porque o pobo é pasivo ao carecer de forza e proxecto alternativo. 

Agora ben, ningunha destas dúas hipóteses é certa. Nomeadamente, as mobilizacións reivindicativas na Galiza non deixaron de medrar durante a crise capitalista. Por exemplo, nos primeiros catro meses do ano realizáronse 1.450 mobilizacións laborais e cidadás, salientando as dos afectados polas preferentes, ensino, sanidade, banca, Navantia, etc. Cada día houbo 12 manifestacións!!! Un dato que desmente o tópico de que a xente non se rebela contra as medidas de axuste. É verdade que a maioría son pequenas concentracións e manifestacións, mais moitas axuntaron a milleiros de persoas e algunhas foron tan masivas como a folga xeral de marzo, con centos de milleiros de manifestantes nas rúas e prazas das principais cidades e vilas. 

"Nos primeiros catro meses do ano realizáronse 1.450 mobilizacións laborais e cidadás, salientando as dos afectados polas preferentes, ensino, sanidade, banca, Navantia, etc."

Malia que a protesta fose tan masiva e importante non conseguiu aínda que o Goberno central e a Xunta mudasen de políticas. En boa medida porque os medios non lle outorgaron un maior espazo aos conflitos e voz aos protagonistas, e porque os algúns partidos e sindicatos críticos co PP, mais non co sistema capitalista, dubidan decote entre o pacto e a contestación na rúa, atrancando (e adiando) unha mudanza na correlación de forzas. Tampouco se poden ignorar os erros por parte das forzas rupturistas, no caso concreto de Galiza o nacionalismo de esquerda.

Porén, aínda que a mobilización non detivese o axuste, o certo é que foi quen de lle por paus nas rodas. Por exemplo, no tema dos desafiuzamentos e das preferentes víronse obrigados a dar algúns pasos atrás, no naval reinterpretar o Tax Lease e buscar remendos en Pemex, demorar a privatización e deslocalización de NovaGalicia Banco, etc.  Alguén pode ter dúbidas de que, se non fose polas protestas, o roubo das preferentes, a desfeita do naval, e a desaparición de NGB sería un proceso concluído? A protesta foi eficaz, mais aínda non ten forza abondo como para reverter a situación, e moito menos para impoñer un programa social e nacional ao servizo das clases populares galegas. E para acadalo cómpre, moi especialmente, mellorar os métodos de traballo, a formación, a organización, ter unha folla de ruta; non abonda con caracterizar a sociedade e fixar obxectivos tácticos e estratéxicos.

"Se non fose polas protestas, o roubo das preferentes, a desfeita do naval, e a desaparición de NGB sería un proceso concluído?"

Nesta etapa, coa enorme centralización e concentración da riqueza e do poder non abonda con facer milleiros de mobilizacións, mesmo que nelas o nacionalismo teña unha participación moi importante, se despois a protesta e as reivindicacións son coñecidas por moi poucas persoas e deformadas polos medios. Con estas limitacións a mobilización non abonda para avanzar; cómpre sumarlle para que sexa eficaz, conciencia política e organización, para poder mudar a correlación de forzas. É unha premisa que non se pode ignorar, e moito menos pensar que se vai superar só aumentando o ritmo das protestas, por mais que tensionen a loita de clases e os aspectos nacionais do conflito. Fai falla darlle á comunicación, formación e organización, o papel central que ten para a acumulación de forzas. É unha tarefa fundamental!!!

Para desenvolver estas tarefas fai falla unha ampla militancia, ben organizada, cun programa e folla de ruta claros e entrega revolucionaria. Pensar que unha masa desorganizada, sen obxectivos concretos, e carente de dirixentes moi curtidos e cunha coherencia probada, pode derrotar as clases dominantes e construír un proxecto alternativo é unha utopía, e non poucas veces unha irresponsabilidade. Analícese con seriedade a situación en cada un dos países do ALBA, ou o acontecido na chamada primaveira árabe. Neste aspecto hai moito que reflexionar. Por exemplo, en relación ao abandono das células ou a debilitar o carácter de clase do partido e o nexo deste coa clase traballadora, que só existe como un número e non como suxeito. Non son aspectos secundarios, nen exclusivamente organizativos. Confundiuse alianza de clases con interclasismo, esquecendo a importancia da política de alianzas e do debate político no seo  das clases populares. Isto acontece mesmo nos países nos que non existe unha burguesía nacional e a clase traballadora é maioría social, como na Galiza actual. 

"Pensar que unha masa desorganizada, sen obxectivos concretos, e carente de dirixentes moi curtidos e cunha coherencia probada, pode derrotar as clases dominantes e construír un proxecto alternativo é unha utopía"

As mobilizacións sociais son o recurso máis importante co que contan as clases populares para facer escoitar as súas queixas e reivindicacións, e sempre amosaron ser eficaces a longo prazo, aínda que nun primeiro intre poda semellar non ser así, especialmente cando confrontan con gobernos autoritarios ou/e que serven a minorías poderosas. Mobilizacións que teñen un punto álxido na folga xeral que se alarga no tempo e está asociada a ocupación das rúas polo pobo. Protestas, revoltas, que, no noso contexto e neste momento histórico, débense acompañar de maiorías no Parlamento galego, que contribúan á conquista da liberación nacional e social de Galiza, un Estado Galego democrático e popular. 

Abonda con facer un pouco de historia para ollar como a pasividade social está unida a retrocesos nas condicións de vida e dos dereitos democráticos da maioría, e como a mobilización foi antesala de avances en todos os eidos. Os cambios nunca son algo inmediato, nen se dan á marxe de sacrificios. Lembremos os Irmandiños, a Revolución de 1846, a insurrección de 1872 en Ferrol, as folgas do ferrocarril e a declaración do Estado Galego, as folgas xerais da Galiza de 1932, as protestas de Castrelo de Miño, e as folgas xerais de Ferrol e Vigo en 1972, as masivas mobilizacións de Nunca Máis, contra a LOU, a prol da lingua e de oposición ás reformas laborais, e tantas outras loitas do noso pobo.

http://manuelmera.blogaliza.org/