Novas mentiras para máis unha guerra imperial

Alguén pode dar crédito á versión do Imperio sobre o alegado ataque con armas químicas en Siria?

Alguén pode dar crédito á versión do Imperio sobre o alegado ataque con armas químicas en Siria? Alguén pode ser tan crédulo como para tragarse unha nova mentira, do estilo das armas de destrución masivas que levou a Colin Powell a facer teatro en Nacións Unidas cun frasco de suposto ántrax nas mans?

Está claro que nen sequer a opinión pública dos EUA é tan inxenua. Só o 9 por cento das e dos norteamericanos, segundo un inquérito de The Washington Post, emprestan o apoio a unha nova intervención militar do seu país.

Isto é o de menos para Washington. Hai moito que a democracia é un estorbo para o Imperio. Obama nin sequera vai pedir a autorización do Congreso. O deseño imperial larvado desde o 11 de Setembro (desde antes do 11 de Setembro, en realidade) debe levarse a termo. É un imperativo do complexo militar industrial, que goberna ditatorialmente a nación con máis poder na historia da Humanidade. Primeiro Afganistán. Despois Iraque. Despois Libia. Agora Siria.

Só o 9 d@s norteamerican@s emprestan o apoio á guerra contra Siria, de acordo cun inquérito de The Washington Post

As armas químicas son un pretexto. Tanto é así que o eixo Washington-Londres-París vai desencadear un ataque militar contra Siria con independencia do que se poda tirar das investigacións dos expertos da ONU, actualmente en curso. Ningunha fonte independente ten atribuído o masacre a Damasco. Os aliados non presentaron ningunha proba. Só falan da súa "convicción". A mesma que os levou a aniquilar o pobo iraquiano.

Este mundo unipolar é insuportábel en termos éticos e de mínima xustiza. O imperialismo é hoxe a maior ameaza para a paz mundial. É unha obriga elemental de toda persoa demócrata denunciar os seus crimes.