O 14-N e o estado de ánimo da xente

A folga xeral do 14-N é un pulo cualitativo na mobilización social contra as políticas reaccionarias das clases dominantes na Unión Europea, que teñen como instrumento para facelas efectivas a chamada Troika. Por vez primeira coincidiron nunha folga varios estados e noutros fixéronse manifestacións.

A folga xeral do 14-N é un pulo cualitativo na mobilización social contra as políticas reaccionarias das clases dominantes na Unión Europea, que teñen como instrumento para facelas efectivas a chamada Troika. Por vez primeira coincidiron nunha folga varios estados e noutros fixéronse manifestacións. Resulta evidente que para vencer o capital farán falla accións máis fortes e amplas, tanto no espazo como no tempo, porén a folga do pasado 14-N foi un salto histórico, mesmo tendo en consideración as debilidades da Confederación Europea de Sindicatos e as contradicións entre as organizacións que a integran. Tampouco se pode ignorar que a clase traballadora grega foi un exemplo en todos estes anos, mantendo a presión na rúa malia que unha e outra vez o Goberno ignoraba a protesta social. E que o papel do PAME, para alén do seu peso cuantitativo, foi esencial para rachar co conformismo, manter a loita, e derrotar a tendencia tradicional da socialdemocracia sindical de ver na cesión e o pacto a mellor saída. Tendencia que ademais é hexemónica nas centrais sindicais da UE e por suposto no Estado español.

A folga xeral do 14-N foi un éxito na nosa nación, Galiza, como recoñecen mesmo as centrais de ámbito estatal dende Madrid, o que non é unha novidade porque o propio aconteceu en practicamente todas as 12 convocatorias anteriores no noso territorio. Neste caso, Galiza, xunto con Asturias e Cataluña, conseguiu un 80% de adhesión ao paro. Tamén se debe destacar que foi no sector industrial e na construción onde a folga foi máis masiva, amosando que a clase obreira segue sendo a vangarda da clase traballadora.

Agora ben, sen dúbida, o máis destacábel desta xornada de loita foron as xigantescas manifestacións que, segundo as centrais sindicais convocantes (CIG, CC.OO. e UGT), reuniron 500.000 persoas en 11 cidades e vilas do país. A cifra que deu a policía local foi de 300.000, un número que parece baixo tendo en consideración os espazos ocupados polas marchas, mais que é equiparábel ás históricas manifestacións de Nunca Máis. Tampouco se pode ignorar que estas marchas fixéronse pola maña no horario no que traballa a maioría da xente, polo que reflicten a importancia do paro nas empresas. Outro dato a salientar é a enorme participación da mocidade e das familias de idade media, moitas con fillos/as pequenos. Foi unha mobilización grandiosa dos asalariados/as, dos desempregados/as e dos estudantes. Ou sexa: da parte máis activa da sociedade galega, con todo o que isto ten de leitura política sobre o estado de ánimo da xente.

Cómpre asemade salientar que aínda que Vigo e a súa comarca segue sendo a de maior capacidade mobilizadora, pola súa concentración industrial, o resto das cidades galegas van recortando as distancias. Isto amosa que a protesta social practicamente se estende a toda Galiza con bastante homoxeneidade, e que as políticas reivindicativas a desenvolver deben ser as mesmas. Non se xustifica polo tanto non dar o maior protagonismo á clase traballadora, así como a máxima prioridade ás reclamacións laborais e sociais ligadas co traballo, cando abranguen o 80% da poboación activa e son o primeiro foco de conflito na sociedade.

Ademais, estas masivas mobilizacións confirman unha rápida mudanza da sociedade galega, aínda moi intuitiva, primaria, como se puido comprobar nas pasadas eleccións co aumento da abstención, porén que cuestiona claramente o actual sistema. Ábrese polo tanto un reto para o nacionalismo galego tanto a nivel partidario como sindical e social para recoller ao máximo este descontente, aportándolle alternativa estratéxica e métodos de traballo que permitan acumular forzas para avanzar cara a liberación nacional e social das clases populares galegas. Malia que as clases dominantes da Unión Europea están impondo as súas políticas de reaxuste para concentrar e centralizar a riqueza, todo indica que nos vindeiros anos a situación será moi dinámica. Todas as saídas seguen abertas, porque son moitos os conflitos antiimperialistas, e o modelo de acumulación está esgotado. Cómpre polo tanto moita análise, traballo arreo non rutineiro, capacidade de comunicación social e claridade na mensaxe; ou sexa: coidar os contidos mais tamén as formas. Tamén se abren tempos de alianzas e disputas dentro da esquerda e o nacionalismo, que se van saldar na praxe.

Por último salientar que o Parlamento galego, por mor da maioría absoluta do PP, vai perder interese para a poboación, e só terá funcionalidade se se converte en caixa de resonancia das reivindicacións das clases populares, e moi especialmente da clase traballadora. E quero lembrar , que as reclamacións non só son laborais e sociais, aínda que ás veces sexan as máis urxentes, porque a clase traballadora tamén valora, por que a padece acotío na súa propia pel, a discriminación identitaria, cultural e lingüística, a marxinación histórica, así como a falta de dereitos democráticos básicos. A loita de clases nunha nación colonizada como Galiza, sen burguesía nacional, abrangue ás mesmas clases sociais no obxectivo da liberación social e nacional.

Manuel Mera