O bosón de Higgs e o novo nacionalismo

Nos últimos meses, e logo da convulsa asemblea de Amio, lévanse sucedido numerosos movementos estratéxicos en torno á reformulación partidaria do nacionalismo galego, nun proceso político que combina, en porcentaxes diversas, ilusión, dúbidas e tamén un certo temor a que todo cambie para que no fondo nada se mova.

Nos últimos meses, e logo da convulsa asemblea de Amio, lévanse sucedido numerosos movementos estratéxicos en torno á reformulación partidaria do nacionalismo galego, nun proceso político que combina, en porcentaxes diversas, ilusión, dúbidas e tamén un certo temor a que todo cambie para que no fondo nada se mova.

Visto desde fóra, e para os profanos na intrahistoria nacionalista, estase a producir o afloramento simultáneo dunha enxurrada de siglas que compiten por saíren en primeira liña cara a ese burato negro da galaxia que se adoita denominar espazo electoral. E albiscamos así un conglomerado de grupos diversos que, con discursos que tratan de ser abertos e conciliadores, alimentan a esperanza de que axiña agromará unha alternativa distinta á do BNG, para todos aqueles que decidiron abandonar a nave nodriza do nacionalismo de esquerdas.

Mais o tempo dálle sebo ás canelas e, a este paso, o novo proxecto político corre o risco de se converter nunha faramalla de intereses lexítimos, pero tamén confusos e contraditorios, escasamente atractivos para competiren contra os grandes cazadores de votos que militan como un exército disciplinado nas ringleiras do Partido Único Sempre Preparado para o Mando Absoluto (tamén coñecido como Partido Popular de Galicia).

Ante o risco de atomización en agrupacións tan ben dispostas como pouco artelladas, semella urxente que as diversas correntes escindidas do Bloque atopen axiña o correlato político do bosón de Peter Higgs, é dicir, unha partícula invisible que actúe de pegamento molecular e posibilite a aglutinación dunha masa electoral con enerxía abonda para remexer as augas chaguazosas da política galega.

Aplicando os termos da física elemental á análise do novo proxecto nacionalista, semella que se está a producir un estado de indefinición moi perigoso onde protóns, neutróns e electróns non interaccionan correctamente entre si, a pesar de que todas as partículas constitúen elementos imprescindibles para o artellamento dun novo núcleo de cidadanía que rompa cos paradigmas dunha política immobilista, caciquil e sectaria.

Por iso, vai sendo hora de que as diversas sensibilidades xurdidas do big-bang de Amio boten man do seu propio acelerador de partículas, co obxectivo de que se produza esa colisión enerxética que desvele dunha vez o misterio da materia escura, dese espazo ideolóxico aínda indeterminado onde moitas persoas deste país agardan atopar non o rastro dunha man divina, senón a certeza dun proxecto cívico pensado en mancomún.

Porque a alternativa vén sendo a de sempre: o triúnfo do lado tenebroso da forza.