O problema non é Almunia. O problema é esta UE

Primeira evidencia: a decisión da Comisión que supón un novo golpe letal para o sector naval galego é unha decisión por consenso

 

Primeira evidencia: a decisión da Comisión que supón un novo golpe letal para o sector naval galego é unha decisión por consenso, votada a favor por comisarios conservadores (socios do PP) e socialdemócratas (socios do PSOE).

Segunda evidencia: o problema non é Almunia, o problema é esta Unión Europea. A UE é unha construción que non interesa a Galiza. Isto é unha afirmación puramente pragmática. A UE envolve unha moi determinada división internacional do traballo (DIT). Nesa DIT Galiza non existe como país produtor, só existe como país consumidor e subministrador de man de obra cualificada e barata rumo á emigración.

Terceira evidencia: a UE realmente existente é esta e os partidos sistémicos nen prevén nen desexan outra. Tanto ten Hollande como Sarkozy, tanto ten que Merkel teña de governar co SPD ou en solitario. As elites teñen un deseño da Unión e non o pensan mudar.

A política industrial de Feijóo sería catastrófica se existise. O problema é que non existe. A única política de Feijóo é a propaganda.

Cuarta evidencia: o Estado español é hoxe un protectorado de Bruxelas sen a menor vontade de deixar de o ser.

Quinta evidencia: a política industrial de Feijóo sería catastrófica se existise. O problema é que non existe. A única política de Feijóo é a propaganda. No seu mundo virtual os esteleiros galegos constrúen rebocadores e floteis. No mundo real non hai contratos, non hai dique flotante, perdemos a tecnoloxía de Barreras a mans de Pemex...

Neste tema do tax lease, como explicará Feijóo que os seus correlixionarios europeus votaron contra os intereses de Galiza? Promete a treboada de ideias en San Caetano.

Sexta evidencia: non hai outra que cuestionar o marco e aspirar á plena soberanía da nación galega sobre os seus proprios recursos.

Esta UE lévanos á ruína.