O rei español non é unha institución

Preto dun millón de novos cidadáns españois, entre os 585.500 por residencia e 243.000 pola Lei de memoria histórica, deben xurar fidelidade ao rei español e obediencia á Constitución para adquiriren a cidadanía española.

Non deixa de ser un anacronismo propio de épocas feudais de vasalaxe, cando non había constitucións, ter que xurar fidelidade ao rei. As autoridades españolas xustifican a xura de fidelidade ao rei español sinalando que é unha institución propia do Estado cando, en verdade, a institución é a monarquía que está contida na Constitución, igual que outras moitas institucións españolas, sen que por iso teñan os novos cidadáns españois que xuralas unha por unha.
Facendo unha «odiosa» comparación, cómpre dicir que en Latinoamérica abonda con xurar acatamento ás súas constitucións sen ter que pasar pola oprobiosa e caudillesca fidelidade a Cristina Fernández, Ollanta Humala, Peña Nieto ou Evo Morales.
Pedimos a reforma desa oprobiosa xura/promesa de fidelidade, agora máis ca nunca, non porque o rei e a monarquía instaurada por Franco vivan «horas baixas», senón por anacrónica, redundante e superflua.