Parabéns Escocia! Congratulations Scotland!

Teño que recoñecer que non son obxectiva, non podo selo; dende a primeira vez que pisei terras de Escocia hai  11 anos namoreime tolamente da paisaxe, da súa intensa historia, da súa xente, da súa cultura, das súas tradicións, moitas delas semellantes as galegas, e da súa idiosincrasia.

Teño que recoñecer que non son obxectiva, non podo selo; dende a primeira vez que pisei terras de Escocia hai  11 anos namoreime tolamente da paisaxe, da súa intensa historia, da súa xente, da súa cultura, das súas tradicións, moitas delas semellantes as galegas, e da súa idiosincrasia.

Daquela,  aínda os laboristas estaban no poder, pero sopraban ventos de cambio, tanto, que ao pouco tempo o Scottish National Party  gañou con maioría relativa as eleccións. Xa naquel tempo, un dos obxectivos do SNP era a convocatoria dun Referendo de independencia que reforzaría as políticas sociais e a economía do país. 

Ao non acadaren maioría absoluta, foron os votos Laboristas e conservadores os que boicotaron unha e outra vez non só o programa de política social do SNP, senón que tamén, e especialmente, impediron que o referéndum botase a andar. .. A patética e mediocre actuación dos Labour e do seu voceiro Ian Gray pasoulles factura nas seguintes eleccións e a resposta do pobo escocés non se fixo esperar: o SNP acadou a maioría absoluta nun sistema que está pensado e preparado para que non se logre tal cousa.

E o proxecto do referendo fíxose realidade, con moitas trabas, con grande oposición mediática, con voces dentro e fóra de Reino Unido que tentaron e tentan cada dia interferir, intoxicar e ensuxar  este proceso que ten moito mais dunha razón de ser. 

"Os distintos grupos favorábeis á independencia apíñanse na plataforma Yes Scotland"

E é que ainda que non se queira dicir en alta voz, non se trata  só dun simple referendo:  trátase do contexto histórico,  trátase da necesidade dunha alternativa a políticas de globalización, trátase de frear os tremendos  recortes impostos polo goberno de Westminster ,  o roubo sistemático das súas riquezas naturais;  trátase dunha grande lección democrática, trátase de exercer o mais sagrado dereito que ten un pobo que é elixir o seu destino e a súa realidade social, e ese magnífico exercicio democrático vai ter lugar o 18 de Setembro de 2014.

Neutralizar o veleno dos medios de comunicación

Aínda que negociar con Westminster non foi doado,  Escocia entra agora  na fase mais delicada, na de convencer os que non están convencidos, de explicarlles que significa realmente unha Escocia independente, de neutralizar o veleno que dende os medios de comunicación nada imparciais se lanza para confundir e desinformar á poboación con campañas de desprestixio e medo. 

Até o de agora temos escoitado cousas como que Scotland non faría parte da UE, que o Referendo é de Alex Salmond e só para a xente do SNP, que a independencia suporía romper lazos con todos os países veciños, que sería nefasta para a economía do país.... Afortunadamente, todas estas mentiras poden ser rebatidas unha a unha e tanto o SNP como os distintos grupos favorábeis á independencia escocesa apíñanse na plataforma Yes Scotland (Green Party, Scottish Socialist, Labour [si, tamén hai laboristas favorábeis á independencia], cidadáns independentes...). Esta plataforma está a facer un estupendo labor  informativo en todo territorio de Alba.

Convídovos a estardes atentos ás publicacións e actividades de YES SCOTLAND (http://www.yesscotland.net/  e @YesScotland) , así como aos artigos de NEWS NET SCOTLAND  (www.newsnetscotland.com e @NewsnetScotland) , e se andades en twitter non vos perdades xente tan espectacular e interesante como @wingscotland @BellaCaledonia @Moridura , @nwsocialist ou @WeareNational ... xa que teñen moito que contar  sobre a realidade social en presente e futuro de Escocia e, evidentemente ,sobre a independencia do seu pais.

Tamén, como non, convídovos a acompañardes no Parlamento escocés cada xoves as sesións de preguntas ao Primeiro Ministro Alex Salmond (para min o mellor político de Europa con moita diferenza!)  onde, alén de entender mellor que tipo de políticas se están a facer agora mesmo en Escocia, poderedes escoitar xente tan emblemática como Margo MacDonall, que teñen claro que o seu país necesita de decisión maduras, feitas por xente madura para defender e protexer o futuro dos seus fillos e netos, o futuro dun pobo que inspira cariño e respeto onde queira que se atope.

Parabéns Escocia! Deséxovos todo o mellor! 
Congratulations Scotland, I wish you all the very best!  Alba Gu Brath, Saor Alba!