PP: pucheirazo e supervivencia

O partido central do sistema bipartidista está en campaña. A supervivencia é o seu obxectivo.

 

O partido central do sistema bipartidista está en campaña. A supervivencia é o seu obxectivo. Os medios para a garantir son o de menos: o fin xustifica todo. Por iso Feijóo leva adiante unha mudanza da lei electoral. Por iso no Estado Rajoy pensa en facer o mesmo que o encargado da súa franquía na Galiza.

É un vicio conxénito da dereita modificar as leis electorais á súa conveniencia. Como ten explicado  o profesor Vicenç Navarro, o predominio conservador á saída da ditadura impuxo unhas regras electorais -a Lei D´Hont, a provincia como circunscrición cun mínimo de deputad@s...- moi favorábeis para os intereses da dereita. Mais é evidente que non lles chega se queren sobrevivir á crise máis profunda que se vive no Estado desde a restauración borbónica. 

Control dos medios

O PP non vai sufrir un grande custo político na Galiza á hora de executar a súa reforma electoral. Isto explícase porque ten o control dos grandes medios de comunicación, quer públicos quer privados. Así, pode unilateralmente reducir a proporcionalidade da lei -obxectivo real da reforma, non poupar gastos ao erario público- e, portanto, aspirar a reter a maioría absoluta con menos votos.

No Estado as cousas non son tan doadas para o PP, porque non dispón do colchón mediático do que si goza na Galiza. Habería factura a pagar. Daí que o PP procure o amparo do PSOE. Mais o PSOE non pode continuar a ofrecer a imaxe de socio dos conservadores. Mesmo así, aínda a custa de asumir desgaste, Rajoy pensa en mudar a lei porque sabe que, coas actuais regras, o PP sería desaloxado da maior parte dos grandes centros de poder municipal e autonómico.

É un vicio conxénito da dereita modificar as leis electorais á súa conveniencia. 

O PP está forzando os límites do que e tolerábel. Véxase o de Santiago. A fraude ao electorado -tornar alcalde ao pechacancelas da súa listaxe- mostra até que punto despreza o PP as  formas máis elementares dun xogo democrático igno. Para completar o cadro, non dubida en botar man da represión policial, como ilustra o arresto de dous manifestantes durante os protestos fronte ao Palacio de Raxoi no momento en que Agustín Hernández se convertía no terceiro alcalde do PP na capital de Galiza no que vai de mandato (!!!!).