O réxime de Feijóo

A comparecencia de Feijóo no Pleno do Parlamento da Galiza puxo en evidencia a calidade da democracia que temos. Ínfima.

 

A comparecencia de Feijóo no Pleno do Parlamento da Galiza puxo en evidencia a calidade da democracia que temos. Ínfima. Unha comparecencia trucada a maior gloria do presidente, sen reunir ningún dos requisitos imprescindíbeis -igualdade de condicións mínimas- para a oposición realizar con eficacia o seu papel de control do goberno.

Chove sobre mollado. Na Galiza temos un réxime, nas antípodas dunha democracia avanzada. O réxime de Fejóo. Un réxime que se alicerza sobre o control obsceno dos medios de comunicación, quer os públicos quer os para-públicos, estes últimos subsidiados xenerosamente desde Monte Pío para garantir a inquebrantábel fidelidade editorial.

Recentemente, Núñez Feijóo concedeu unha entrevista ao medio hexemónico da Galiza. Nin rastro de preguntas en relación aos casos de corrupción que atinxen o PPdeG. Por suposto nin rastro de alusións a Marcial Dorado ou a Pachi Lucas, as amizades perigosas que, en fotos xa memorábeis, teñen protagonizado o que vai desta lexislatura.

Feijóo empregou unha táctica sibilina nesta comparecencia. No canto do "e ti máis" utilizou o argumento de que "a corrupción está en toda a parte"

Feijóo empregou unha táctica sibilina nesta comparecencia. No canto do "e ti máis" utilizou o argumento de que "a corrupción está en toda a parte". Sería, por tanto, un mal de todas e de todos, e non un mal do partido no goberno, que ficaría absolvido así por ser a corrupción, en realidade, unha eiva da condición humana.

Tanto cinismo non é de recibo vindo do presidente dun partido que ten centos de cargos públicos imputados e que se financiou irregularmente durante décadas. Tanto cinismo só é explicábel nun cargo político que aínda debe unha explicación cabal ao conxunto da sociedade galega sobre as súas relacións cun narcotraficante que cumpre condena e cunha persoa que aparece como conseguidora nunha trama que apunta ao financiamento ilegal do Partido Popular.

É unha cuestión de elemental saúde pública extirparmos este tipo de condutas da vida pública. Este réxime está putrefacto e debe caer. Feijóo non pode continuar a escudarse en anuncios lexislativos de dubidosa eficacia mentres teima en non asumir as súas responsabilidades políticas.