Ruptura
No colo da miña nai –coma quen di- aprendín a cantar as vibrantes palabras de Alfredo Brañas, do Casta dos Celtas que lle pediamos os dous fillos pequenos.
« Creba as cadeas que te asoballan e cingue a croa da libertá ! »
No colo da miña nai –coma quen di- aprendín a cantar as vibrantes palabras de Alfredo Brañas, do Casta dos Celtas que lle pediamos os dous fillos pequenos. Ela, contenta, cantábanolo, aínda que, decontado, advertíanos prudente : « ¡Chisss ! ¡Esto no se puede cantar! ¡Es el himno separatista gallego ! »
"Meus pais non nos falaban en galego, mais transmitíronme, co seu garimoso castelán inzado de diminutivos nosos, de palabras e construcións galegas, de nomes familiares e expresivos autóctonos para cada fillo, o celme do noso idioma"
Meus pais non nos falaban en galego, mais transmitíronme, co seu garimoso castelán inzado de diminutivos nosos, de palabras e construcións galegas, de nomes familiares e expresivos autóctonos para cada fillo, o celme do noso idioma. Era un posicionamento –se cadra inconsciente- en prol da lingua do país, o vencello cunha patria esmagada na que medrabamos, daquela no franquismo.
Devagariño, moitos de nós fumos interiorizando a creba e entendendo que era necesario romper aquelas férreas cadeas que tollían as mentes e os corpos, que lle impedían á maioría unha vida digna e que campaban só mediante a forza, a violencia e a inxustiza.
Xurdiron arelas de liberdade que despois se teceron en redes de moitas mans.
Mais o esforzo e a suor que con tanto amor e perigo deles nos ofreceron milleiros de homes e de mulleres desta terra non rendeu o que era de lei. Porén, nunca foi inútil, pois que o seu heroico afán sempre -antes ou despois- acaba dando froito e a súa lembranza remanece.
Por iso agora é o momento de levarmos a nao a bo porto. De rompermos as amarras que impiden zarpar o barco. De navegarmos no ronsel da esperanza. De traermos para a terra a fartura que merece e precisa.
"A ruptura necesaria para erguermos un país próspero de xente ceibe e soberana. Unha Galiza nova e unida que poidamos legar con orgullo aos nosos fillos e netos"
O momento da ruptura, da total ruptura con ese pasado que está a rematar cos postos de traballo no noso país, a destruír os nosos recursos e a Natureza, a expulsar a xente nova de onda os seus.
A ruptura ten que ser total con ese mouro presente para poder librarnos do letal futuro que asoma pola porta. Do camiño da extinción, pois prevese que a Galiza de dentro de 35 anos teña perdido un millón de habitantes, o 40% da poboación.
A ruptura necesaria para erguermos un país próspero de xente ceibe e soberana. Unha Galiza nova e unida que poidamos legar con orgullo aos nosos fillos e netos.
Pode haber maior ruptura?
Pode haber mellor páxina a escribir na Historia?