Valoración das eleccións

Eu era dos inxenuos, dos que pensaba que desta vez non poderían. Que o pobo respondería aos desprezos á súa lingua, ao holocausto da súa cultura...

Eu era dos inxenuos, dos que pensaba que desta vez non poderían. Que o pobo respondería aos desprezos á súa lingua, ao holocausto da súa cultura... e se non, polo menos aos recortes dos seus salarios, á suba dos seus impostos, á mingua das súas pensións, ao incremento do paro, ao recorte dos servizos sociais e públicos, aos ataques ao tecido produtivo, ao peche de tantas empresas, á impotencia das hipotecas, á ameaza do rescate, á pobreza emerxente, ao nepotismo, á hipocrisía, á corrupción...

Se cadra sigo sendo moi inxenuo, pero négome a crer que á xente non lle doa e lle preocupe todo iso. De feito penso que si, pero que non se soubo vender unha alternativa que xerase confianza. Quizais sexa esa a tarefa máis urxente agora, facer análise e autocrítica, pero da de verdade, da que non teme que abrolle o sangue, da de cortar polo san, e buscar un discurso diferente que convenza aos descontentos, que mobilice aos indecisos, que evidencie a posibilidade doutros camiños, que ilusione aos que, coma min, nos sentimos presa do desalento. Porque se non se consegue algo así, nin sequera será necesario marchar deste país, será o propio país o que nos expulse a nós.