Xa o dicía Rambo

Afirmaba un patrón na Radio Galega que "Noruega, coa venda de salmón na UE, ingresaba miles de millóns de euros1". Que lle importa a esta xente gastar entre 20 e 30 millóns para formar un lobby do salmón en Bruxelas e "silenciar" as críticas pola sobrepesca sobre a xarda do Atlántico para facer fariña? E engadía: "Como imos competir nós contra iso, inda por riba cun goberno rescatado por Bruxelas?".

Isto ben a conto do conflito na Ucraína. Aínda é recente para dar cifras, mais non é de estrañar as inmensas ganancias que obterán os monopolios que se beneficiarán co desprazamento das exportacións do petróleo e do gas ruso; así como pola venda de armamento. Ganancias que reportarán unha solvencia aos de sempre, coas que imporán novamente as súas normas a estados soberanos, especialmente naqueles altamente dependentes da importación dos combustíbeis fósiles. 

De feito, recentemente, a Comisaria de Enerxía da UE recoñecía que os prezos da enerxía debíase á alza nos prezos do gas. Recoñecía, ademais, que esta alza dos prezos suporían un lastre a curto prazo para o desenvolvemento económico na UE da pospandemia. Logo, por que se despreza o gas de Siberia cun prezo que abeiraría os 2,8 €/m3, polo gas licuado dos EE.UU, que se achegaría aos 6,7 €/m3? Ulo  libre mercado?

En segundo lugar, a UE asinou o Pacto Verde, o Acordo de París, o Protocolo de Montreal,… contra as emisións de CO2 e de metano á atmosfera. Emisións estas que obviamente irán en aumento da man dun maior tráfico marítimo e do gas esquisto provinte da práctica do fracking. En último lugar, supón un erro no xeopolítico ao elevar a dependencia exterior a un só provedor, enfrontándose cun potencial socio como é Rusia, máxime cando este país ten a alternativa de colocar excedentes de gas e petróleo nos mercados asiáticos.

Mais a orde mundial veu definida após a II GM da man do Plan Marshall. A OTAN é un instrumento útil para os EEUU e nunca desaparecerá. Tras a "ameaza"comunista seguiulle a islamista-yihadista, e despois a ameaza chinesa. EEUU leva anos promovendo a rusofobia co gallo de manter a atmosfera do medo no mundo. As sancións polo de Crimea, o boicot á vacina Sputnik, os apoios a Navali, a ampliación da OTAN… son máis que probas.

A parte dos beneficios económicos, para EEUU os conflitos bélicos permítenlle desviar a atención das graves tensións internas. A cuestión racial, a calamitosa saída de Afganistán, a guerra civil que mantén cos republicanos, o dispendio militar, o aumento do descontento social que virá coa alza nos prezos e o desemprego, pasan a un segundo plano prendendo no chauvinismo.
Venme á cabeza aquela reflexión do soldado John Rambo ao Coronel Truman, cando denunciaba que na guerra de Vietnam manexaba máquinas de guerra valoradas en millóns de dólares, mentres unha vez xa de volta no seu país non conseguía atopar traballo nin de limpacoches.2

1 Eumofa 2020. Observatorio Europeo do Mercado dos Produtos da Pesca e da Acuicultura. Comisión Europea. 
2. Acurralado (Ted Kotcheff, 1982).