Xornalismo Poético

De volta do verán, inauguro esta sección na que tentarei aplicar, tamén á escrita, as miñas intencións creativas resumidas no  “Breve Manifesto das 3TES”. Deseñar, construir, filmar, pensar e repensar, escribir, compor, divagar … (TRANSFORMAR)  De “flor en flor”. Sen horizontes nen perxuizos.

De volta do verán, inauguro esta sección na que tentarei aplicar, tamén á escrita, as miñas intencións creativas resumidas no  “Breve Manifesto das 3TES”.

Deseñar, construir, filmar, pensar e repensar, escribir, compor, divagar …

(TRANSFORMAR) 

De “flor en flor”. Sen horizontes nen perxuizos. Soamente o que cada idea necesite 

(TRANSMEDIAR) 

Significado > significante /            fondo > forma /             sintaxe > morfoloxía

 (TRASPASAR) 

 “Tráiler”

 

  1. EDIFICIO ABANDONADO.   EXTERIOR / DÍA                                                 01

 

Unha construción abandonada na periferia dunha pequena vila. Paco (65) demacrado e sen afeitar,  encadrado na potencial panorámica do que ía ser un salón comedor na décima planta,  fica sentado nun apaño de ladrillos cos pes pendurando cara á rúa e unha bolsa de laranxas no colo.

Ó seu carón Sam, vello de máis para aventurarse tan perto do baleiro, mexe o rabo, inquieto.

PACO

- Bo canciño, bo can, (acaríñalle a mandíbula algo ido mentres mira ao horizonte con infinita tristura. Sam gruñe polo miúdo)

- Almorzo, recados, vaguear un pouco e outra vez a casa…

… Se as noites non foran tan longas, eh compañeiro…?¡¡ (alonga a man para afagarlle o lombo e unha laranxa roda polo cemento até que desaparece na tanxente do ceo. Sam ladra desacougado. Paco inclínase xusto no intre en que a froita escacha contra o chan.

 

(Corte a negro)

(Escoitamos os ladridos desesperados de Sam)

 

(Entra texto sobreimpreso)

 

ESTA NON É A HISTORIA DUN XUBILADO

 

  1. COCIÑA.    INTERIOR / DÍA                                                                                  02

 

- María (76) aperta o inalámbrico contra a meixela mentres tenta amainar o tremor das mans sobre unha pescadilla escuálida que se lle escorrega.

 

MARÍA

-   … Quen me ía dicir a min que despois de trinta e un anos íame enganar así…

-   Sempre pensei que Paco era un bo home, confiaba nel…

 

- Si filla, que razón tes... en ninguén, filla, en ninguén… (cun fío de voz).

 

(Entra texto sobreimpreso)

 

TAMPOUCO É UNHA HISTORIA DE AMOR

 

  1. SUCURSAL DE NOVAGALICIA BANCO.    INTERIOR / DÍA                          03

 

Unha morea de xente outea con certa ansiedade cara ao fondo dunha nutrida cola. O obxectivo: a porta entreaberta do despacho do director.

Iago (26) camisa Emidio Tucci e barba tupida, teclea concentrado. De cando en vez, levanta a cabeza cara a cola e volta rapidamente á pantalla.

Nun momento dado, achégase á porta e cunha voz excesivamente controlada, diríxese á xente.

IAGO

- Ós “Preferentes” non os atendemos aquí. Á dereita teñen o enderezo da oficina onde dirixirse.

- María, ti “subordinada”, non si?

(amplo sorriso) Pasa muller…

(Fundido a negro)

(Entra texto sobreimpreso) 

 

É UN CULEBRÓN FINANCEIRO

QUE DARÁ MOITO QUE FALAR

 

(Banda sonora: “Mar y cielo”).

                                               Me tienes, pero de nada te vale

                                                 soy tuya, porque lo dicta un papel 

                                                 mi vida la controlan las leyes

                                                 pero en mi corazón

                                                que es el que siente amor 

                                                tan sólo mando yo.

 

                                                                                  Julito Rodríguez. Puerto Rico, 1927

 

 

CRÉDITOS

María: Miña nai. Mentres fai esforzos cada día para pagar a súa parte dos 33.000 millóns de “excesos” dos bancos, os bancos lle secuestran os aforros aproveitando tres décadas de confianza cega en Paco, o seu “asesor financeiro”.

Paco: Recen xubilado de Novagalicia Banco, pasou un dos peores momentos da súa vida cando lle tivo que comunicar a María que non podía dispor dos seus cartos, en contra do que lle tiña garantido.

Iago: Director da sucursal, asegura e reasegura que a banca pode e quere pagar ós afectados pero que é o goberno o que non os deixa.

Pobres…