Xustiza para Serafín e para Carlos

A imposición de penas de prisión a dous membros dun piquete informativo que se limitaron a defender os dereitos da clase traballadora

 

A imposición de penas de prisión a dous membros dun piquete informativo que se limitaron a defender os dereitos da clase traballadora durante unha folga en Vigo revela até que punto o prisma de clase -e tamén o nacional- permite caracterizar o poder xudicial no Estado español. As e os maxistrados non son elementos neutrais, nin moito menos anxelicais, tal e como costuma apresentalos a imprensa sistémica. Nin pola súa extracción social -raros son os xuíces que proceden das clases populares- nin pola súa ideoloxía, en xeral, e con poucas excepcións, abertamente españolista. O poder xudicial é sempre un poder concreto dun Estado concreto. Neste caso, éo do Estado español, un Estado que non se caracteriza precisamente pola alta calidade da súa democracia. As súas actuacións, as súas sentenzas, obedecen polo tanto a unha lóxica moi determinada, frecuentemente clasista.

O Partido Popular négase, sectariamente, a conceder o indulto

Desde Sermos Galiza reclamamos xustiza para Serafín e para Carlos. É o mínimo que lles debemos. Grazas a persoas como estas, grazas á súa capacidade de sacrificio e á súa entrega, temos aínda esperanza. O que as clases populares galegas levan historicamente conquistado -ese patrimonio común que o neoliberalismo quer agora saquear- é produto do traballo de traballadores comprometidos como Carlos e Serafín. Punilos con penas de prisión repugna a conciencia de calquera demócrata. Non por acaso foi multitudinaria a manifestación realizada en Vigo en solidariedade con eles. A clase traballadora da Galiza sabe quen está ao seu carón, e sabe tamén quen está a mallar nelas e neles.

O Partido Popular négase, sectariamente, a indultar a Serafín e a Carlos. Non cabía agardar nada distinto dun partido que, véxase a súa contrareforma laboral, chegou ao poder con mentalidade thatcherista e coa pretensión de combater a capacidade de auto-organización das e dos traballadores.

Mais é de xustiza o indulto e é imprescindíbel que a clase traballadora galega manteña o pulso e continúe a se mobilizar en defensa de Serafín e Carlos, en defensa de si propia.

O Partido Popular négase, sectariamente, a conceder o indulto