Caladiñas non estamos máis guapas

Un denominador común dos casos de acoso sexual que saen nos medios é a desigualdade de poder entre vítima e agresor. Outro, o silencio de vítimas e testemuñas que fai máis difícil rematar dunha vez por todas con esta terrible lacra social. 

 

No caso Weinstein foron máis de 80 vítimas e moitas máis persoas recoñeceron saber o que pasaba. Por que ninguén fixo ou dixo nada sabendo que a situación ía continuar, sabendo que aparecerían novas vítimas?

 

Na década dos 70, os psicólogos estadounidenses John Darley e Bibb Latané realizaron un experimento para determinar exactamente isto: en que situacións e por que non actuamos para “salvar” a alguén dunha situación semellante. Os resultados do experimento mostraron que nos casos nos que o suxeito cría ser o único coñecedor da situación da vítima as posibilidades de que reaccionase eran moito máis altas.

 

Os psicólogos estadounidenses John Darley e Bibb Latané realizaron un experimento para determinar exactamente isto: en que situacións e por que non actuamos para “salvar” a alguén

 

Atopáronse dous motivos para estes resultados que se poden aplicar a casos similares ao de Weinstein: a difusión da responsabilidade (o individuo pensa que outra persoa vai a actuar e síntese menos responsable) e a ignorancia pluralista (como ninguén está actuando, o suxeito tende a pensar que a situación non é tan grave e polo tanto tampouco el ten por que actuar).

 

Porén, non podemos consideralos motivos únicos, nin sequera principais. A inmensa maioría de vítimas de acoso sexual son mulleres e os agresores, homes. E non é unha coincidencia. Vivimos nunha sociedade cisheteropatriarcal que segue a normalizar comportamentos sexistas en todos os ámbitos. Se ben nos últimos anos ten habido algúns cambios, os modelos de conducta para homes e mulleres son completamente diferentes. O que para el está ben para ela, non, e viceversa.

 

Nos casos de violencia sexual, a vítima tende a ser xulgada, silenciada e chégase a aconsellarlle que non actúe (por un ou outro motivo). Quizais esa responsabilidade, esa culpa por permanecer en silencio que moitas voces trasladan a vítimas e testemuñas non sexa delas, non sexa sequera da condición humana senón dunha sociedade que crea individuos de primeira e segunda clase. Unha sociedade que crea vítimas e verdugos e que despois fai o imposible por encubrir e protexer a estes últimos.