Opinión

Aclaremos conceptos: somos unha nación

Volvémolo demostrar o 25 de xullo. Milleiros e milleiros de manifestantes, e máis milleiros. Moita mocidade, potente Festigal, compañeirismo, volver brindar, risos e saúdos, puños en alto, causas xustas, bandeira que nos une, internacionalismo, traballo militante. Chute colectivo de ánimo, alegría, amizade e loita. Patria galega.

Paga a pena todo isto. Até as delegacións internacionais presentes alucinaron coa capacidade política, social e organizativa do nacionalismo. E todo coas nosas mans. Mais permitídeme formular só dúas peticións de aclaracións. A primeira, dirixida ao presidente do Parlamento da Galiza.

Sr. Santalices: Non vou entrar en que teña que confesar no acto oficial (relixioso) celebrado na catedral o 25 de xullo (si, 25 de xullo) que se sinte "plenamente español". Ou que é a mellor honra que poida ter é a de representar o rei de España. Alá vosté. Supoño que será para que ninguén sospeite: galego, si, mais leal, súbdito e submiso á monarquía española. "Galleguiño", vaia, e que non moleste. Non é unha novidade, e alá vosté coa súa conciencia. O que si quixera aclararlle é que se cadra, no canto de lle pedir, como fixo, unha actuación política definida a alguén (Santiago apóstolo) que leva morto 2.000 anos, que (difícil de asumir cientificamente) chega á Galiza nunha barca de pedra (de "pedra": outro escollo físico realmente complicado) dende Palestina subindo pola ría da Arousa, e que supostamente se encontra soterrado na catedral, para o que -deduzo- terá o correspondente certificado da empresa funeraria da época, sería máis lóxico, penso, xa que é o presidente do Parlamento, promover actuacións lexislativas prácticas, non si? Digo isto porque dende as súas filas políticas teñen alcumado como "fanático" o nacionalismo galego, e dáme a impresión de que a cerimonia que vosté protagonizou algo de irracional ten.

A outra vai a Madrid, dirixida ás señoras e señores da esquerda española así, en xeral.

Desculpen o atrevemento, mais ímoslles aclarar un concepto. Penso que é preciso, porque normalmente cando falan de nós, utilizan a expresión "territorio", ou cando se abre o debate sobre os dereitos das nacións, usan a expresión "debate territorial". Así que o que queremos é aclararlles que nós, galegas e galegos, non somos un territorio. Temos territorio, si, mais non somos un territorio. Somos unha nación, un pobo, que ten territorio (hai nacións que non o teñen) e por certo, ben rico e produtivo, a diferenza doutros territorios, aínda que non se trata de facer comparacións. Mais poderíamos facelas. Non é o momento.

En calquera caso, saberán que un territorio é un espazo físico definido da superficie terrestre. E que outra cousa é unha nación. Vostés, que maioritariamente pasaron pola Complutense, faro irradiador de cultura universal, de certo que entenderán o concepto. Así que comecen a nos respectar e entendan que somos un pobo. O pobo galego. E que somos unha nación. E así teremos respecto mutuo, si?

Comentarios