Apolíticos e neutrais

Décimo aniversario da proclamación do reinado de Felipe VI. Días de fasto e esplendor monárquico. Desfiles, recepcións, ceas e discursos. Glamour, elegancia e solemnidade. Reportaxes televisivas que lembran a imaxe dun rei firme e bondadoso a un tempo, raíña que sabe estar, e princesa e infanta rebuldeiras, encantadoras e tamén responsábeis. Familia ideal. É como se dun conto de Disney se tratar, continuado agora na etapa adulta. 

Permitídeme agora fender a maxia deste conto. Así, sen reparos, á brava. Porque o certo é que esta visión idílica e pracenteira fai parte central do combate das ideas e da loita ideolóxica que se está a librar sen escrúpulos, coa pretensión disimulada de restituír e facer hexemónica a idea da institución monárquica española e por extensión, a idea de España e do españolismo. Disney tiña ideoloxía, e os Borbóns tamén. Demostrouno este rei no conflito político entre Catalunya e o Estado: de neutral, nada. Demostrouno tamén esta mesma semana, dende o “Palacio de Oriente” (non me refiro á marca de conservas de atún e mexillón que se elabora en Bueu, senón ao mesmo edificio dende onde Francisco Franco, o anterior xefe do Estado, antes do seu pai, o emérito, tamén efectuaba discursos apolíticos), cando, enarborando a bandeira da neutralidade política propia do seu cargo, defendeu Felipe VI por enriba de todo, como obxectivo no exercicio das súas funcións, manter “la unidad territorial de España” [sic].

Todo ten a súa explicación. O feito de que un pai lle poña ao fillo o nome de “Felipe Juan Pablo Alfonso de Todos los Santos”, evidencia que esa é unha familia rara. Un pai normal, unha nai normal, non lle farían iso ao seu fillo, porque esas cousas acaban traumatizando a calquera. As cousas que comezan mal acaban rematando mal. Seu pai, Juan Carlos I, ese “bribón”, sábeo ben, por experiencia. E non furemos máis por aí.

Como democraticamente parece non haber maneira nin ganas de resolver este asunto, só podemos falar de enquisas, e o que nos din é que son as nacións sen Estado as que en maior media e de xeito maioritario concentran o maior rexeitamento a esta monarquía española corrupta, antidemocrática e españolista. Outro motivo para sentirme orgulloso de ser galego.

E cadrou a celebración dese décimo aniversario coa Eurocopa futboleira. Como todas e todos sabemos, o deporte, como a monarquía, é tamén apolítico. Porque tan só é esforzo físico, superación, traballo colaborativo e competición. Precisamente por iso, é normal que o seleccionador español de fútbol masculino, de xeito apolítico, imparcial e obxectivo, manifeste ao inicio da Eurocopa que no que hai que mellorar é “en sentirse orgulloso de ser español” [sic]. Daquela, a selección galega é política, e a española é só deporte. Aprendede.

PD: Visto o visto, lembrade ben saltar por riba das luminarias na noite do 23, para que non nos morda cadela nin can nin bicho que ande polo chan e, tamén importante, lavar a cara na mañá seguinte coas herbas do San Xoán. Saúde e República galega.