Opinión

Galiza non é Tanzania

Tanzania é un dos países máis ricos en recursos naturais que existen no planeta, e ao tempo, paradoxalmente, dos que padece maior nivel de pobreza na súa poboación. A súa potencialidade produtiva é extraordinaria en todo o que ten a ver coa alimentación (pesca, agricultura, gandaría), cos seus inxentes recursos mineiros, ou coa capacidade de xeración enerxética. Posúe no plano teórico todas as condición naturais, por tanto, para un desenvolvemento autocentrado que, ao servizo do seu pobo, favorecese o seu progreso social e benestar colectivo.

Acontece, porén, que o modelo de desenvolvemento poscolonial imposto provocou que os diamantes, o ouro e outras pedras preciosas extraídos do corazón da súa terra, e naturalmente os enormes beneficios que xeran, sexan controlados por empresas foráneas, como a británica Petra Diamonds Limited, que tamén realiza operacións similares noutros puntos de África. Existen tamén minas de carbón, chumbo, ferro, fosfatos ou magnesita, tamén en mans foráneas, e que para seren instaladas, no nome do progreso, forzaron a expulsión de milleiros de persoas das súas terras produtivas. Non pasa nada -dixéronlles- porque vai haber novos postos de traballo nas minas. E hóuboos, si, mais cuns salarios de miseria que nada teñen a ver cos dividendos obtidos, e cunha brutal taxa de sinistralidade laboral. Mais é o progreso.

Os europeos dixéronlles que a súa economía era atrasada e de subsistencia. E con afán caritativo decidiron que grandes compañías transnacionais que, como sabemos, só procuran a modernización, o avance social e a igualdade no xénero humano, entrasen na súa estrutura económica, facéndose con ela. As súas finanzas están “internacionalizadas”, tamén coa axuda do BBVA. O presidente de Iberdrola, ese que tanto gosta das apertas con Feijoo, dixo que estaba pendente de “arranxar” algúns “permisos e autorizacións” para entrar a tope coa eólica en Sudáfrica e Tanzania. De certo que mudanzas legais como as efectuadas na Galiza, sen dúbida favorecerán esa instalación.

Tamén lles dixeron que Tanzania é pobre e que non se pode valer por si propia. E que o futuro pasa polo turismo. Así venden artesanía e poden traballar en hoteis e campamentos. Até hai quen danza para os europeos estresados que veñen a se relaxar no Serengeti explorando os seus poboados e facendo safaris. O bo é que en Tanzania non existe turismofobia, aínda que incomprensibelmente hai tribos masais que se negan a entender que as súas terras deben pasar a ser reservas de caza para os europeos. Pobres nacionalistas. Non saben que cun pouco esforzo poderían chegar a ser bos porteadores, e incluso recepcionistas de hotel.

PS: Na Tanzania hai tamén quen fai denodados esforzos para que os seus fillos e fillas falen inglés. Porque o swahili e outras linguas bantúes non valen para nada, son atraso, e para ser algo na vida hai que falar inglés. E así chegar a ser camareiros ou guías ao servizo dos turistas, ou para poder emigrar. Nada a ver coa Galiza.

Comentarios