Opinión

Meus pais foron a Italia

Meus pais foron a Italia hai uns días. O que se supoñía que ía convertirsena típica viaxe do que con sorte acabas obtendo un par de historias memorábeis e un suadoiro do Atalanta convirteuse ao final nunha auténtica odisea. Ata o punto de que hai dez minutos unha ambulancia do 061 estaba aparcada diante da miña casa, con dous señores vestidos de extraterrestres esperando no portal. Sempre me preguntei como reaccionaría ante unha situación deste tipo. Pois resulta que me puxen a facer o único que sei, escribir.

O que ía na ambulancia era meu pai, que hai apenas dez minutos estaba tomando un café nunha cunca que me regalaron por compras superiores a 30 libras no Sportsdirect. Cando soou o timbre dounos a risa, a todos. Incluída a miña nai, unha persoa con trazos evidentemente neuróticos, dos cales son digno herdeiro, e que leva días detrás nosa para que non toquemos nada que tiveran tocado nin manteñamos ningún tipo de contacto físico con eles. O asunto fíxonos gracia, pero pode que non teña tanta. Hai varios días algúns familiares chamaron e, ademais de preocupación, mostraron un rexeitamento inesperado, seguramente inducido polos medios de comunicación de masas. A miña irmá leva días buscando no horóscopo algunha explicación, e iso que está a ser a máis racional da familia.

O único motivo polo que no fondo me fai gracia verme envolto en toda esta historia é porque me imaxino mañá ou pasado saíndo no Programa de Ana Rosa, dicindo que a culpa de todo é do capitalismo serodio e indicándolles ao feixe de cámaras e micrófonos con esa cousa de esponxa que non sei como se chama que a 10 metros poden atopar un pouco máis de carroña coa que sobrevivir uns cantos meses. Criticar o capitalismo é un dos meus pasatempos preferidos pero faríame viral e saír en APM como o tipo que criticou ao sistema con un xersei de marca é demasiada exposición, non compensa.

A realidade é que, a pesar dos centenares de toneladas de cinismo que lle estou botando enriba ao tema, as cabezas dos veciños, asomados á ventá, sen preguntar tan sequera que pasaba, as miradas esquivas e a actitude de case todos os que rodearon a peliculesca escena fíxome sentir unha angustia que tampouco me esperaba. A desinformación é un arma devastadora. Os prexuízos son unha pandemia que se estende moito máis rapidamente que ningún virus coñecido. Recordoume moito ao videclip de Formidable, unha canción de Stromae na que o cantante finxe estar bébedo ate caer no medio dunha rúa de algunha cidade, podería ser calquera, ante a absoluta indiferenza e distancia de todos os que pasan. É unha experiencia que todo home branco e heterosexual de clase media debería vivir, sen dúbida. Unha experiencia que fai que intentes, como podes, contar o que pasa, case desesperadamente ao ver o sufrimento dos que te rodean. Contalo con exceso, con sobredose. Utilizando demasiadas palabras de forma pouco efectiva.

E eu poido contalo porque son un home branco e heterosexual de clase media e porque me vin envolto nesta circunstancia alimentada polos que só se alimentan de carroña. Pero hai homes e mulleres non tan brancas, non tan heterosexuais e non tan de clase media que viven nesta angustia todos os días e cuxa historia non se conta en ningunha parte porque, como dicía Zizek, é máis fácil imaxinar a fin do mundo que a fin do capitalismo.

Comentarios