Deportivo: Olé!

Hai quince días pitos e apupos desde a bancada cara o adestrador. Quince días despóis, cómo cambia o conto.

 

Hai quince días pitos e apupos desde a bancada cara o adestrador. Quince días despóis, cómo cambia o conto. Olés no particular teatro dos soños herculinos e berros de “O Dépor é de Primeira, o Dépor é de Primeira”. Así é o fútbol. Tan cambiante, tan esvaradizo, tan contradictorio, tan esquizofrénico, tan apaixoante.

Cando o estado de ánimo da bancada muda así é a demostración de que o sentimento vive, que está a flor de pel, respira por cada poro. Detrás do Deportivo por moito que apure Facenda hai un berro de rebelión, de resistencia.

Faltaba escoitar ese chío firme, cheo, convencido, con forza, aplacado nas últimas semanas pola falta de vitorias en casa. E este domingo chegou ante un dos rivais directos polo ascenso. O Dépor de Fernando Vázquez deu un golpe de autoridade riba da mesa no momento decisivo da competición. Agora, ollo coas euforias. É demasiado cedo para celebrar. Pero tal e como dixen a semana pasada, reeditando as catro vitorias da primeira volta, é dicir as dúas conseguidas xa, e os dous vindeiros partidos, o ascenso é un feito, non matemático, pero si virtual. Porque esta Liga de prata é a Liga do equipo menos errático, do máis forte entre os débiles, do máis pillabán entre os atordados pupilos que deixan os exames pendentes para setembro.

Xogan como adestran

O Dépor é un equipo traballado, ordeado, con rumbo, seguro, maduro. “Xógase como se adestra", é unha frase célebre que ten moitos pais, pero que non todos saben predicar con xeito. Os rapaces de Vázquez aprenderon ben esta lección e asúmena. Efectivamente, xogan como adestran. Unhas veces con mellor xogo, outras xogando á nada, pero con moito sentido práctico.  Responsable. De aí que hoxe por hoxe sexa moi difícil pensar que unha das prazas para o ascenso non teña xa dono.

O Dépor de Fernando Vázquez deu un golpe de autoridade riba da mesa no momento decisivo da competición

Nesas matemáticas particulares que veño facendo aquí cada semana, co espello retrovisor posto só no traballo anterior do Dépor, sen mirar os rivais, os números van saíndo mellor. Porque os herculinos son máis rendibles que nos primeiros 13 encontros, en puntos, en goles e en diferenza de goles. Na xornada 13, a equivalente en emparellamentos á disputada esta semana, o Dépor aínda non era líder da categoría. Agora o equipo comanda a clasificación e leva cinco puntos por diante ó segundo. Por certo, o Eibar, hoxe segundo na clasificación, daquela era o undécimo.

O cadro coruñés dobregou en Riazor ó segundo equipo máis goleador da categoría. Curiosamente, o máis goleador, o Spórting de Xixón, está fóra dos postos de promoción para ascender. Conseguiuno cunha defensa impecable, con Lopo e Insua imperiais, moi serios. Seoane medrando partido a partido nun posto que non é natural para el. Recuperou a estima e a credibilidade do faro deste equipo, Juan Domínguez, que volveu ser o capitán deste proxecto. Arriba, Rabello e Sissoko traballan con gran corrección. O africano ademais todo o que fai lle sae ben, non comete erros, ten unha gran visión de xogo e serve pases con enorme perigo de gol. O que está perdido, definitivamente, é Borja Bastón que desde as fichaxes de inverno está afundido, sen confianza e sen crer nas súas capacidades. Con todo, é o máximo goleador do equipo, con oito goles. Desde que o equipo se reforzou en xaneiro, os deportivistas marcaron 14 goles, dos que 9 son dos novos futbolistas. No último arreón herculino medra Juan Carlos que está aproveitando cada oportunidade.

Insisto, os dous próximos encontros son claves. Se repiten vitorias o ascenso está adiantado. Vindeira estación na procura dunha vitoria en Mallorca. Na ida, en Riazor, o resultado foi 3-1. Vaian collendo unha cadeira cómoda e un bo sitio para o próximo domingo. Domingo de Gloria. Xa saben.