Despedida amarga e sen tópicos

A cita ante As Palmas non era unha sinxela.

A cita ante As Palmas non era unha sinxela. Co equipo en certa costa abaixo, praga de lesións ou baixas por sancións, seca goleadora alarmante e co arrecendo a certa orfandade nas bancadas a cousa non pintaba ben no arranque. E si, falo de orfandade tamén. Porque aínda que hai moito que dicir sobre a penuria e angustia económica da entidade branca e azul, fabricada polo ata hoxe presidente, o certo é que a marcha, agora si, de Augusto César Lendoiro, significa que queda un baleiro, un gran oco, que hai que encher. Quen lle colla o sitio halle botar peito, por moitas razóns. Indudablemente, porque remontar a débeda que deixa vai ser unha aventura, pero non menos que a aventura de pilotar a xestión deportiva dun club de fútbol para o que se requiren condicións que van máis alá de preocuparse por facer ben as contas. Xa se verá.  

Así pois, con estes antecedentes, o primeiro encontro desta segunda volta foi estrano. Tanto que todo saíu do revés. Nada que cadre cos siloxismos que conducen cara conclusións de pura lóxica. Que se o Dépor comeza sempre gañando, gaña, pois deste volta fíxoo, pero acabou perdendo. Que o equipo de Vázquez apenas ten pegada e soe ser tímido en ataque, pois neste encontro os seus homes dispararon á porta 18 veces e tiveron 16 córners a favor do que non sacaron proveito algún. Que ante os equipos máis perigosos os brancos e azuis sofren pero controlan o encontro con ben, pois tampouco foi o caso. Pura ciencia, como ven!

Neste encontro os homes de Fernando Vázquez dispararon á porta 18 veces e tiveron 16 córners a favor do que non sacaron proveito algún

Vamos, que non estaba escrito que fose o día para celebracións, que xa as houbo máis senlleiras no pasado. Tampouco foi o día do colexiado que aínda que repartiu un penalti para cada equipo lle debeu parecer dabondo e nublóuselle a vista co cupo de dous concedido. Dous penaltis xa son moitos penaltis para un só día, e gris. Hai que chiflar moi forte, vai moita humidade, e iso cansa! E Manuel Pablo e Arizmendi non caeron pola forza da gravidade, se cadra por outro tipo de forza si. E onde quedan eses tópicos de “la suerte de los grandes”… Nada, iso tampouco serviu.

Agora colíder

Aritméticamente, se a idea é que hai que repetir a fazaña da primeira volta, o certo é que xa non vai poder ser. Primeiro partido. Primeira picada. Gañou na primeira xornada ante as Palmas por 0-1. O de onte xa o viron. O Dépor xa non é líder. É colider. E con todos os equipos por detrás achuchando a 1, 2 e 3 puntos.

Agora comezou a hora da verdade onde os equipos han sufrir serias transformacións, aparte de incentivos varios, polo que cabe traballar mellor o factor mentalización deste grupo de xogadores para que a presión non poida con eles. E serán precisos reforzos positivos que xa están en camiño.

Chegan Toché, Salomão, e, probablemente, un terceiro home e un novo presidente

Iso si, Rudy xa demostrou en medio ano que se espera moito máis del, pero xa non hai máis tempo de pretemporada. Non pode estragar dúas ocasións de gol clarísimas como as de onte. Se non, sobra, e con urxencia. E a Luís Fernández hai que esixirlle, cos minutos que xa leva, a serenidade que debe ter un dianteiro para non lamentar toda a semana as opcións de gol perdidas.

Con esa esperanza chegan Toché, Salomão, e, probablemente, un terceiro home e un novo presidente, que con toda seguridade será Tino Fernández. E todos estes prometedores presentes son enerxía máis que suficiente para que a segunda volta colla forza e sobre todo máis “tino”.  

Aviso. Co Córdoba o cadro de Vázquez perdeu en Riazor 0-1. Hai que remontar aquel partido que os andaluces gañaron de rebote nunha xogada a balón parado. Lembran?