O fútbol do Dépor reconcilia

Que bo que veña o fútbol para devolver un pouco de paz e cordura a actualidade deste Dépor que tanto preocupa cando está lonxe do céspede. Os goles de Luís Fernández, Borja e Juan Domínguez poñen unha fina néboa sobre un escuro panorama contable e societario. E iso aconteceu tan só 17 horas despois da asemblea máis importante da historia do clube herculino A primeira na que Lendoiro perde a maioría dos apoios, e a primeira na que sae derrotado tras acostumarse a ser aclamado popularmente en todas as anteriores xuntas de accionistas.

Que bo que veña o fútbol para devolver un pouco de paz e cordura a actualidade deste Dépor que tanto preocupa cando está lonxe do céspede. Os goles de Luís Fernández, Borja e Juan Domínguez poñen unha fina néboa sobre un escuro panorama contable e societario. E iso aconteceu tan só 17 horas despois da asemblea máis importante da historia do clube herculino A primeira na que Lendoiro perde a maioría dos apoios, e a primeira na que sae derrotado tras acostumarse a ser aclamado popularmente en todas as anteriores xuntas de accionistas. “Unhas veces se gaña e outras se perde”, dixo nada máis rematar a xunta extraordinaria de accionistas. E abofé. A derrota que lle inflixiron os accionistas no pavillón de Santa María do Mar, esqueceuse por un momento, cando o balón se puxo a rodar. Aí é onde vimos a un equipo vivo, con ganas de pelexar, que loita por ascender, que pon todo o que pode para defender o orgullo dunha recente historia futbolística labrada a golpe de espectáculo e gran fútbol. Ese espíritu que mostra o equipo transmite moita enerxía positiva á bancada e a certeza de que, malia todas as dificultades, aquí hai madeira aínda para andar coa cabeza erguida, para recobrar a categoría perdida. Ha costar moitos suores, pero o discurso do cadro de Vázquez é claro. Hai compromiso. Hai equipo. Hai ilusión. Hai ganas de pelexar por conservar o liderado. 

"Ha costar moitos suores, pero o discurso do cadro de Vázquez é claro. Hai compromiso. Hai equipo. Hai ilusión. Hai ganas de pelexar por conservar o liderado". 

Ten moito mérito que este cadro de xogadores, confeccionado ás presas por Lendoiro, con moitas dificultades económicas e administrativas, remate o 2013 en postos de ascenso directo. Son as cousas do fútbol. Pero son as que o fan un deporte tan apaixoante e emocionante. Por iso o fútbol, á marxe das duras cuestións económicas que o rodean, o fan tan especial e conectan tan rápido có espectador. O fútbol transmite moitos sentimentos. E en periodos de dificultade, de zozobra, como o que vive o Dépor agora fai máis intenso ese sentimento.  

Coas dificultades particulares do último partido do ano en Riazor, unha arbitraxe moi discutible, algúns despistes dolosos e dolorosos en defensa nas xogadas a balón parado, e as ocasións, moi claras, desaproveitadas, sobre todo a última xogada do partido co 3-3, o Dépor amosou ser un equipo con moita saúde deportiva. E iso é para aledarse. Aí, onde debe, xogando sobre un campo de fútbol, é onde se ve a viabilidade do equipo. E marcando goles, como este sábado, remontando un partido adverso en dúas ocasións, é como se defende unha proposta de ascenso. Outra cousa é que finalmente o consigan ó final do campionato. Caprichos do destino e da pelota, pero a forza que amosou o Dépor o sábado é o exemplo de que o ascenso é posible se non mudan os acontecementos. 

"O equipo de Vázquez non entende de artificios. É transparente. Co escaso capital co que conta achega grandes beneficios ó colectivo"

O equipo de Vázquez non entende de artificios. É transparente. Co escaso capital co que conta achega grandes beneficios ó colectivo, e malia non ter excesivas reservas estas permítenlle ter un fondo de manobra que lle dan alternativas moi rendibles. Esta si é a imaxe fiel do Deportivo. Desta vez, tirou do caixón para sacar a Antonio Núñez. Encaixouno á perfección no esquema de xogo. Núñez aportoulle valor a Culio e Borja Bastón, máis incisivos e perigosos. Falta que Luís Fernández madure máis, e con máis presa, porque o equipo o necesita como o comer.

O estado de saúde dos herculinos pódese medir mirando á clasificación, onde figura líder, e cara o campionato de inverno da categoría de prata. Iso axuda a unir no campo un deportivismo dividido fóra del.