Vivir é sufrir

Chegou a primeira vitoria da temporada na casa. Unha vitoria made in Riazor.

 

Chegou a primeira vitoria da temporada na casa. Unha vitoria made in Riazor. É dicir, sen sufrir, sen pasar nervos, sen vivir un final taquicárdico non hai fútbol na Coruña. É imposible o contrario. Pero ollo, a destes tempos é unha taquicardia sen glamour, de pedir a hora porque se ve que non hai máis cera cá que arde. Hai bostezos en Riazor que pasados á cámara lenta ocuparían máis dun tempo.

Pero polo menos chegou o triunfo, que ofrecía resistencia intramuros. É unha victoria que impulsa ó equipo fóra dos límites do inferno e onde a temperatura morna que se sente axuda a relaxar ao afeccionado na zona de confort. Malia todo, é tamén un público que asume a transición do paso dos anos da Champions hacia o fútbol da Liga do Fertimón, con moito nobreza e resignación.

Insua callou un partido impecable. Anticipouse nas situacións de maior apuro e arriscou ata o límite, saíndo sempre airoso

Si, a Liga do Fertimón, porque o Deportivo agora é esa pranta á que hai que mimar para revivir, á que hai que botarlle moito mineral e abono, adestramento a adestramento, partido a partido, con paciencia. E non é moi diferente dos seus competidores. O Alcorcón é un exemplo.

Do partido hai moi pouco positivo que destacar, salvo os tres puntos. Insua callou un partido impecable. Anticipouse nas situacións de maior apuro e arriscou ata o límite, saíndo sempre airoso. A dúbida é saber canto tempo lle durará este caramelo a Fernando Vázquez. Juan Domínguez converteuse no cerebro do equipo. E trouxo o gol porque é o único xogador que atopa solucións con maior clarividencia. Juan Domínguez realiza perfectamente o papel de futbolista dependente. Sen el, o equipo perde o sentido.

Manuel Pablo aínda ten pulmón

Dos catorce homes que onte vestiron a camiseta é de xustiza destacar a Manuel Pablo. Esquecido nas aliñacións titulares, onte saíu para demostrar que aínda ten pulmón e unha veteranía que axuda decisavemente a achicar o perigo. E o fixo pola banda contraria á súa.

O conformismo é mal inimigo e cando o taboleiro de marcas se puxo a favor o equipo de Vázquez esvaeceuse. Deixou de facer fútbol e iso fixo que se adicase a correr detrás do rival. Pouco a pouco o equipo madrileño foi medrando perigosamente.

Os de Vázquez atopáronse un partido con sorte. Enfronte presentaba batalla un equipo inocente. Esa é a Segunda que espera. Un día a sorte cae dun lado da balanza, pero outro día botarase en falta a fortuna, coma co Córdoba e o Murcia.

Xa que logo, a Riazor vai haber de ir á bancada con cinturón de seguridade para evitar golpearse coa realidade. Un equipo feito na urxencia, con escasos recursos, corto de banco e escaso en solvencia. A temporada é longa pero hai horas de abondo para transformar este equipo que se amosa verde, verde, verde. Menos mal que lle saen algúns brotes.