Altri non, un berro colectivo

Impresionante. Este adxectivo iluminou a pantalla do meu móbil este domingo. Cando  lin esta palabra sabía que a manifestación contra Altri era un éxito. Non o dubidaba. Aínda así, as imaxes é certo que impresionan. Mentres paseaba por un inmenso bosque polaco, a miles de quilómetros de Palas de Rei, non podía evitar estar pendente das fotos e das noticias. Un pobo que non cala nin se resigna berrou de novo. Semella unha frase tópica de panfleto, mais na distancia e a golpe de Whatsapp e X a defensa do país e do común emociona. 

Desde que se coñeceu a verdadeira natureza do proxecto de Altri, voces de todo tipo veñen alertando da tolemia que supón esta bomba medioambiental no corazón verde de Galiza. Voces que o Goberno galego ignora por completo. Segue a moverse nesa idea de que a decisión desta localización é algo de carácter técnico. Esquecendo que a liña que separa os intereses económicos, as decisións políticas e as cuestións técnicas é borrosa. 20.000 persoas, unha cifra que debería facer pensar a Rueda, mostrou que a dignidade está nas rúas e non nos despachos que deberían planificar o futuro dos galegos e galegas.

Esta marcha fala do futuro, xa que hai dúas cuestións que nos interpelan con claridade, unha máis concreta e outra se cadra global. A concreta volve sobre a cuestión de que proxectos queremos para o rural galego. Durante anos escoitamos a necesidade de pensar nun rural vivo, mentres vimos pechar explotacións gandeiras e eliminar servizos. Agora podemos comprobar cal é a solución do Goberno para unha zona cun agro cheo de potencialidades: envelenar auga e aire. Isto sen contar que as plantacións de eucaliptos se potenciarían aínda máis. Xa é hora de que a idea que aniñou entre moitas persoas de que o rural, as aldeas, non tiñan futuro se supere. Que é o benestar e onde o atopamos non semella que sexa unha cuestión que as cidades resolvan a perfección.

A segunda cuestión excede os lindes galegos. Escribo este artigo nun bus cheo de linguas diferentes e acentos variados, mentres contemplo a planicie europea rumbo a un curso en Berlín. Desde este espazo en movemento non podo deixar de escoitar esa interpelación global sobre que modelo de consumo, de turismo, de produción, de utilización de recursos naturais temos. Que modelo de vida queremos. Hai unhas décadas pensabamos que todo isto eran temas a debater. Agora son temas que esixen da acción inmediata. Non obstante, seguimos considerando que isto do ecoloxismo e a defensa do planeta é unha idea dunhas poucas persoas. O negacionismo do cambio climático gaña puntos nas enquisas das eleccións europeas. Os ventos que percorren Europa non acompañan a deterse e ver o problema, mais ben, afondan nel.

Encantoume ver nas fotos da manifestación a candidata Ana Miranda, que non só é a voz de Galiza en Europa, tamén é a voz da ecoloxía e a defensa dos dereitos dos pobos.


Os berros resoan con forza en Palas de Rei. Lembran que a disxuntiva á defensa do común é a barbarie.