Cuantificar o impreciso

Fin de curso. Semella un tema aburrido. A quen lle pode interesar falar do curso escolar cando praia e sol agardan por un alumnado exhausto, por un profesorado ao límite das súas forzas e desposuído de calquera comprensión social? Non obstante, permitídeme unha pequena reflexión como docente cansa e preocupada que son.

Dúas cuestións vertebran a anatomía destes tempos educativos. A primeira, a burocratización crecente da sociedade. A palabra burocracia ten un matiz pexorativo porque papeis ou formularios inútiles, que comen tempo e enerxía, van colonizando o ensino e a vida dos seus habitantes. Memorias, programacións ou informes inzados dunha retórica baleira producen un desgaste emocional e mental difícil de explicar aos que deseñan leis ou dirixen departamentos educativos. Unha máxima regula hoxe a acción educativa: a maior imposición da burocracia, maior desprezo do saber. O coñecemento é algo prescindíbel que, dado que se atopa a un golpe de clic, fai do profesorado unha especie de xestores do aburrimento.

Nada máis falaz que confundir información e coñecemento. Mais aí estamos, incapaces de asumir que a sociedade do futuro era a da apoloxía da ignorancia. Polo tanto, nese terreo, a escola fica fóra de xogo. Novas materias ou máis segmentación do saber non axudan a deternos a pensar. Mais a escola ía diso, de pensar. Ía de lograr ter coñecementos e poder con eles estar no mundo. Semellaba que mestras e mestres debían saber cousas e transmitilas con paixón.  Pois non, a cousa hoxe resúmese en tentar sobrevivir a case trescentos alumnos e alumnas por curso, miles de exames e varias reclamacións de nais e pais que consideran que o de saber é o menos importante.

En que momento as familias deixaron de ser aliadas das educadoras? Onde e cando se instalou a desconfianza do noso traballo? Estas preguntas son interpelacións constantes que dan forma á segunda das cuestións deste artigo: o afastamento entre a escola e as familias. Ás veces penso que ten a mesma orixe que o anterior punto, isto é, a forza coa que se impuxo un neoliberalismo na sociedade que separa e divide as persoas. A escola que se deseña usa palabras como empregabilidade ou sustentabilidade para definir novas materias, todo un síntoma de que a linguaxe da empresa xa desaloxou termos como formación ou ecoloxía do vocabulario lexítimo.

Se alguén pensa que isto foi escrito desde o desánimo, equivócase. Nada no horizonte atopo máis importante que reconquistar o valor do coñecemento. Pode que non se poida cuantificar nos criterios de avaliación dunha táboa de indicadores, pero a imprecisión de aprender é o único legado de liberdade importante da escola. Todo o demais pertence a esa palabrería absurda que abona noticias falsas, espellismos de coñecemento de tertulianos e líderes do absurdo ao servizo de intereses económicos e outros mecanismos dun poder que nos quere cansas e burocratizadas. Educar é unha relación humana, con todo o que iso implica de calma, risas e enfados. Bo descanso.