Unha cuestión de prioridades

Xullo é un mes letal para as mulleres. Trece asasinatos machistas en dezaseis días. Tres nas últimas vinte e catro horas. Que repercusión ten na prensa? Cantas portadas de xornal ocupa tal barbarie?

As vacacións sempre veñen tinxidas de violencia machista. Este ano as asasinadas rachan as estatísticas. Duplican as do verán anterior. O Comité de crise do Goberno en violencia machista e os resortes do Estado non son quen de deter está situación. Unha situación que non é unha lacra nin unha epidemia. É o resultado dunha sociedade machista.

Escribo de novo sobre este tema. Penso que é necesario e urxente poñer o foco sobre a violencia machista. A violencia é un elemento central para poder controlar as mulleres. É un control social tan antigo que se perde na memoria dos tempos. Hai quen cría que as leis e os convenios serían suficientes para mudar conciencias, para modificar valores, para transformar a sociedade. Son importantes, mais por si mesmas non chegan. O concepto de posesión que teñen os homes nunha relación segue vivo. Tan vivo que a mocidade reproduce e inventa novos sistemas de control. Que unha parte importante dos mozos considere que non existe a violencia contra as mulleres ou que entenda que os celos son amor é síntoma de que a sociedade non mudou por completo.

O cambio deuse nas mulleres, mulleres que a calquera idade consideran que teñen dereito a súa liberdade, que deciden separarse e camiñar por si mesmas. Algo que claramente a masculinidade dominante non soporta. A sociedade segue penalizando a liberdade das mulleres. Seguen a ser elas o soporte das familias, son maioritariamente as coidadoras de fillos e fillas e, non obstante, unha parte dos homes empregan as crianzas como ferramentas para vingarse. Vingarse? Si, existe unha vontade de vinganza na masculinidade tóxica ante a liberdade das mulleres, ante a súa afirmación e capacidade de decisión.

Non é só unha cuestión de igualdade o treito que nos falta no camiño dunha sociedade feminista. É unha cuestión de liberdade. Necesitamos que os medios de comunicación, que a sociedade non seu conxunto, interpele a masculinidade tóxica. Que erradique as cancións que igualan amor a control, a pornografía violenta e a submisión das mulleres. Pode que nalgún faladoiro o tema sexa tratado como un problema social, que durante uns minutos a xente condene a eses tolos que matan as súas mulleres, ex mulleres e fillos. Isto non chega.

Imaxinemos por un momento que a cifra de mortas fose por terrorismo político e non machista. Que ocorrería? Cal sería a cobertura? Estaríase celebrando un pleno extraordinario do Congreso? Teriamos activado o nivel máximo de alarma terrorista? Esa é a diferenza. A normalidade coa que a sociedade encaixa que sempre é así. Que non se pode facer nada porque é un tema individual. Que o de educar en igualdade e feminismo xa está superado.

Supoño, que volverei escribir deste tema porque o verán é ese momento que mentres uns celebran partidos, outras morren polo feito de ser mulleres e desexar ser libres.