Opinión

Desconectar

O verbo máis empregado do verán debe ser “desconectar”. Escoitamos como se repite en cada esquina, millóns de persoas buscan con certa ansiedade dar cumprimento ao mandato vacacional. Non obstante, a pouco que observemos o noso redor, unha pregunta xurde con forza: que queremos dicir en realidade cando afirmamos desexar desconectar? De feito, a pouco que miremos temos a sensación de que os dispositivos electrónicos e as pantallas colonizaron o tempo de lecer.

Só hai que entrar no Obradoiro para que competindo coa beleza, entre berros e cánticos, un mundo de móbiles atrapa imaxes inunden o imposíbel camiñar das escasas persoas que non entran na categoría de turistas. Miles de selfies, menos perigosas que as dos acantilados, son enviadas a familiares, amigos, grupos e redes sociais. Todo en tempo real, supoño que por temor a que a visita só sexa efectiva cando outros ollos contemplen a catedral nunha pantalla.

Outro deses momentos onde os invasores ganan son os concertos e festivais. Hai pouco sentada nas gradas do PortAmérica tiven a sensación de vivir dentro do capítulo dunha serie tipo Black Mirror. Os guionistas situáronme rodeada de nenos e nenas a altas horas da noite e todos eles estaban xogando cun móbil ou unha tablet. Eu cansa, miraba con sorpresa a todas esas crianzas de poucos anos que eran absorbidas pola luz dunha pantalla cara a outro mundo, un a un desaparecían. Estou certa que lectores e lectoras os poden imaxinar, todos e todas xuntos, mais sen falar entre eles. Cada quen coa súa pantalla. Cada quen co seu xogo. Pensei que era a metáfora da sociedade do futuro, que por fin supera o noso individualismo, cunha fase de solipsismo onanista (non atopo outro termo máis acaído). Todo un curso debatendo sobre o uso dos móbiles nos centros escolares para atoparme de actriz de reparto no medio dun exército de pantallas dispostas a atrapar a atención infantil coa aquiesciencia dos seus proxenitores, pode que incluso promocionadas por eles a modo de opio. Soa moi forte? Ninguén  daría unha droga a unha crianza, porén, colocámoslle un móbil sen pensalo nin un momento nas súas mans. Estas nais e pais en poucos anos, cando as ou os adolescentes prefiran estar xogando ou vendo vídeos no móbil que ir á praia ou saír da tenda de campaña, mostraran o seu asombro.

Remato cunha das escena favoritas da desconexión: unha mesa nun restaurante na que os comensais miran cada un o seu móbil. Todos pendentes do futuro do Partido Demócrata estadounidense ou agardando unha xuntanza da ONU, mágoa que nunca poderemos saber que decisión crucial para o mundo depende deles. Así somos, conectados na desconexión.

Vivimos nunha contradición que non queremos recoñecer. Buscamos calma a través de estímulos constantes. Pretendemos que as crianzas cultiven a atención cando a desprezamos como sociedade. A desconexión semella vir cargada de ansiedade, masificación e ruído. Pode que o verbo sexa incorrecto e o novidoso sexa conectar. Conectar coas persoas, a natureza e o mundo que nos rodea. Desfrutemos do privilexio de saber conectar!

Comentarios