Estirpe de valentes

Estou farta de escoitar que temos que facer fronte ao fascismo que percorre Europa. A ultradereita que devora ideas e dereitos. Máis ben creo que temos que construír. Desde a liñaxe que nos trae aquí, a defender a democracia, o Estado social e os dereitos dos pobos. A esquerda europea ten o reto de pensar unha nova internacional desde os pobos e facer o esforzo por comprender que as desfavorecidas do noso tempo nin a miran, nin a escoitan, nin a entenden. Basta de botarlle a culpa ao empedrado. É certo que as redes sociais están en mans da ultradereita ou que as fake news inundan as pantallas da mocidade. Non obstante, a pregunta sobre que ocorre no quefacer político para que exclusión e odio sexan atractivos para unha parte tan importante da poboación europea segue aberta. Estamos nunha batalla de ideas. Non desas grandes teses que se escriben nos libros. Das ideas que necesitamos para manter o común.

Neste desconcerto xeneralizado que fai que grupos enteiros de wathsapp se pregunten como un axitador ultra consegue tres escanos, as receitas escasean. Igual imponse a modestia, e debemos facer esa política que leva tanto traballo e tanto esforzo. A que durante anos fixo Ana Miranda e o BNG a respecto de Europa. Esa política que a pesar do silencio informativo dalgún xornal ou da TVG permite que hoxe poidamos afirmar ledas: conseguiuse.

Temos voz en Europa. Voz propia, firme e clara. Se onte era importante, hoxe é imprescindíbel. Éo porque fronte a esa frase baleira que transita de mensaxe en mensaxe, de móbil en móbil sobre o que hai que facer para deter a ultradereita, o que toca é facer política no seu sentido máis literal. Falar coa xente dos seus problemas, escotala, representala e pelexar polas ideas. Se non temos clara a liña que separa o xusto do que non o é caemos nese relativismo que nos trouxo até aquí. Avergoñarnos das ideas de xustiza social e do seu legado de loita e compromiso. Semella que a ambición da esquerda vive na nostalxia de que todo o porvir será peor. Falso, o porvir sempre é unha conquista.

Díaz foi audaz para chegar ela. Polo camiño esqueceu que os logros, se o son, son colectivos. Por iso faltoulle valentía para o difícil, para estar coas súas candidatas na derrota. Sei que é un momento difícil. Moito. Mais nada comparado coa morte en Gaza, a chegada en patera a unha praia, unha malleira pola orientación sexual ou limpar casas sen descanso para que os fillos sobrevivan. Se cadra, hai veces que esquecemos que nos levou a facer política, porque militamos e a quen representamos. Se cadra, Europa esquece demasiado rápido a súa propia historia.

Sei que hoxe hai moita análise ben feita explicándonos o auxe do fascismo e a derrota da esquerda. Mais, lectores e lectoras, permitídeme que deixando os datos ás mentes brillantes, voemos xuntas até un lugar, unha pedra ao pé dun carreiro no interior de Galiza. Unha pedra na que a miña avoa adoitaba sentar. Desde alí quero compartir con vós a miña ledicia porque Ana Miranda sexa eurodeputada. Era de xustiza que así fose.