Tecnopolíticos

Decisións técnicas. Expresión moi empregada en política para evitar falar das cuestións políticas que, pola natureza da toma de decisións, sempre están presentes. Diferenciar a liña que separa as decisións técnicas das políticas é moi complexo, temos exemplos dos máis variados, como a localización de Altri no corazón verde de Galiza. Dende hai décadas os estudos sobre ciencia, técnica e sociedade mostran xusto como esa liña entre valores e técnica sempre é moi fina e borrosa, xa que, en última instancia o deseño e a materialización da técnica está atravesada por valores propios dunha forma de ver e entender a realidade. 

O novo director xeral de violencia de xénero tamén eludiu a polémica sobre a reincorporación á política municipal dun condenado por violencia machista invocando a técnica. A cuestión, en si mesma é polémica, xa que logo de cumprir unha condena podemos considerar que calquera persoa pode volver exercer os seus dereitos de participación en política, mais que por unha cuestión de compromiso coas políticas de igualdade, a cuestión está en se o partido debería mantelo a marxe. Unha persoa que asume ser o máximo responsábel político de violencia de xénero non pode eludir posicionarse argumentado que el está á fronte só para resolver cuestións técnicas. Xa que a pregunta inmediata é cales son as cuestións técnicas que necesitan das súa decisión, xa que a administración galega ten moi boas técnicas que fan ese labor a diario. 

O responsábel político de violencia machista debe deseñar programas e estratexias que desenvolvan a lei galega vixente, que melloren a atención e acompañamento ás mulleres que sofren violencia ou que preveñan nas escolas e entre a mocidade os discursos neomachistas que se estenden entre as redes sociais, entre outras moitas prioridades. A violencia machista é un tema político, estámolo vendo coa fundación recentemente creada en Valencia de homes maltratados. É un tema político porque o que está en xogo é o control das mulleres a través do medo e a intimidación. A receita para a súa erradicación é moi complexa mais non ten nada que ver coa técnica, reside na asunción da importancia de transformar a sociedade desde a igualdade real. 

As declaracións do director xeral ademais de decepcionantes e covardes, están moi afastadas de situar a violencia machista no espazo de relevancia política que deben ter por parte do encargado de contribuír a súa erradicación. Cando ante un 0,01% de denuncias falsas ou ante unha porcentaxe irrisoria de homes que sofren violencia a mans das súas compañeiras se pretende poñer o foco nestas cuestións por parte dos gobernos de ultradereita, debemos ser conscientes da loita de enfoques que estamos vivindo. 

Eludir o debate, acudir á técnica como pedra filosofal ou confiar só no marco punitivo agocha a raíz do problema. Hoxe preténdese desprestixiar o feminismo xusto por iso, por ir á raíz dos problemas. A palabra tecnopolítica inventouse para mostrar que detrás de toda decisión técnica agóchase unha decisión política. Non explicitala implica ou descoñecemento ou mala fe.