Vida e morte

Que sensación tan desacougante me provoca volver escribir sobre o dereito ao aborto. Non podo evitar que o malestar corra polas miñas mans ata chegar ao teclado. Que desánimo sinto cando me invade a crenza de non poder dicir nada novo sobre o dereito das mulleres a decidir. Non obstante, resúltame urxente compartilo como reflexión semanal.

O aborto é unha palabra conquistada polas mulleres co seu propio corpo. Desde hai uns días tamén é unha palabra eliminada da declaración do selecto club de dirixentes G7. Fronte ao dereito das mulleres a decidir sobre a súa maternidade, leo que os insignes dirixentes aprobaron "promover a saúde e os dereitos reprodutivos para todos, e avanzar a saúde maternal, dos recen nados, nenos e adolescentes". Quixera poder interrogar desde o humor os dereitos reprodutivos para todos, mais non son quen, por moito que a frase semella unha brincadeira. Tanto como avanzar na saúde maternal desde un club que parabeniza e sostén a matanza de miles de crianzas en Gaza. 

Sempre que se mestura saúde maternal e dereitos reprodutivos está servido o retroceso social. Cando se invoca o termo vida podemos botarnos a correr porque o que se quere dicir é control das mulleres. Tanto me ten que Meloni sexa unha muller, nunca crin nos esencialismos das identidades e agora xa case sinto pudor intelectual cando alguén o fai. O certo é que vai logrando impor o seu marco de pensamento, marco que muda leis, marco que logra cambiar unha declaración institucional por moito conflito diplomático que se nos queira vender. Tan preocupada está esta señora pola saúde das crianzas que ilegalizou a posibilidade de que teñan dúas nais. Sempre mellor ter unha nai como deus manda e non dúas como o demo promove. Todo moi coherente na orde política do século XXI.

Fronte a falsa exaltación da vida temos a palabra morte. Esa gústalle pouco ao club de selectos, soen empregar eufemismos no lugar de falar da morte de persoas nas guerras ou na fuxida da miseria que as desigualdades e a pobreza provocan. Iso non lles gusta, son máis de agochar que as empresas de armas teñen xusto agora beneficios históricos. O seu ritmo de traballo é tan alarmante, que existe unha lista de agarda para o subministro de mísiles de dous anos. Seguramente a moitos dos lectores e lectoras lles sorprendese tanto coma a min, cando acordei esta mañá con esta alentadora nova radiofónica. Non podía crelo. Mais é certo que as factorías da morte producen a todo rendemento e que os países denominados desenvolvidos aumentan o seu gasto en defensa, que quere dicir en guerra. E ante este panorama de vida e morte o problema político son os cigotos. 

Como xa nos pilla cansas de escribir sobre o aborto, sabemos que non lles importan nin os cigotos, nin as crianzas, nin as persoas. Deter o avance das mulleres pode que non sexa suficiente para unha Europa reaccionaria, mais si que é unha condición necesaria. O feminismo é un movemento plural e pacifista que se de algo sabe é de coidar a vida.