A estratexia de non querer ver

Remataba Ánxel Fole un dos seus relatos incluídos n’A lus do candil dicindo “Dios nos libre das cousas dos loucos” e é que desde sempre foi xeral ese parecer de que o peor que nos podía pasar era que se nos revirase o sentido. En consecuencia, quen tiña a desgraza de padecer calquera tipo de trastorno mental era un excluído social que non podía aspirar máis ca, no mellor dos casos, compaixón dos demais.

Apartamos o que resulta molesto, negamos a evidencia, seguindo a absurda estratexia de tapar os problemas coa esperanza de que se desintegren, cando adoita dar mellores resultados o enfrontamento das dificultades.

O relato mencionado de Fole publicouse a mediados do século XX nunha época en que aínda era habitual recorrer á intercesión milagreira para solucionar cuestións que se atribuían a meigallos, feitizos ou mesmo intervencións demoníacas e moitos doentes trastornados eran levados, algúns incluso atados por mor do seu estado, para que a virxe do Corpiño os sandase. Claro que, nesa altura, as posibilidades de contar cun tratamento para unha doenza mental eran remotas para moitos habitantes do noso territorio.

O que resulta complicado de entender é que, nos nosos días, cando tantos avances experimentou a medicina e os pacientes contamos con acceso a especialistas nas diversas ramas sanitarias, isto non sexa extensivo ás cuestións de saúde mental. Neste eido non se deron progresos tan abraiantes nos seus tratamentos e tampouco mellorou visiblemente a atención de que podemos gozar, cando menos por parte do sistema público de saúde.

Podería pensarse, inxenuamente, que o avance social e tecnolóxico fixo recuar esta clase de doenzas, pero non. Os especialistas dinnos que unha de cada catro persoas padece algún tipo de alteración da saúde mental ao longo da súa vida ou que a principal causa mundial de discapacidade pertence a este eido, a depresión, pero, por non querer ver a súa verdadeira dimensión, non reparamos en que constitúe a segunda causa de morte entre adultos novos. Poñendo a lupa sobre o territorio galego, estarrece  o noso índice de suicidios, a consecuencia máis tráxica en que desembocan por veces estes procesos.

As dificultades, maiores ou menores, que se nos poden presentar en calquera momento da existencia para xestionar a nosa vida e circunstancias pódennos levar a precisar a axuda de alguén especializado, pero aínda nos pesan os prexuízos á hora de recoñecelo e demandalo. Seguimos, en moitos casos, ignorando a realidade.

E que fai pola nosa saúde e benestar mental o sistema sanitario público? Ben pouco, a verdade. Hai quen di que para non ter enfermos, o primeiro é non ter enfermería. E nesas estamos. Non vaiamos poñer terapeutas a disposición dos pacientes que o poidan necesitar porque igual despois descubrimos que son moitas as persoas que o demandan. Non teñamos un plan integral para a prevención de suicidios, que iso, á parte de precisar a dispoñibilidade de recursos, igual nos fai reparar máis en detalle na traxedia. Non proporcionemos apoio psicolóxico a pacientes que afrontan diagnósticos traumáticos ou aos seus achegados, cada un sabe as súas e en paz. E xa, chegado o caso, se alguén supera o rexeitamento propio e o ambiental e consegue unha cita en calquera dos servizos de saúde mental, limitémonos a proporcionarlle fármacos que adormezan os síntomas, que podendo amañar cunha pastilla, quen vai querer revolver na causa do problema?

Que ocorre cando botamos terra enriba dos problemas? Que podrecen e lles medran as raíces. Por non querer ver, por falta de vontade real de afrontar as cuestións de saúde mental, seguimos incrementando as cifras de incidencia. Claro que as cifras non son o importante, o importante son as traxedias, grandes e pequenas, que se están a ignorar, o importante son os fracasos que nos quedan polo camiño, a impotencia dos que se implican e son conscientes das carencias, o fracaso colectivo que estamos asumindo pola covardía de non querer ver. Todo o que nos queda é poñernos nas mans dunha consulta privada. Ou no Corpiño, igual ca no século pasado.