A bandeira galega a medio mastro no Uruguai

No pasado 5 de xuño falecía en Montevideo, no seu Montevideo, Nelson Regueiro. Presidira o Patronato da Cultura Galega, unha institución absolutamente referencial na conservación dos sinais de identidade galegos naquelas terras "orientais".

Coñecino durante a súa presidencia desta institución porque a comunicación entre o Patronato e a Fundación Castelao, onde eu traballaba, era daquela moi frecuente e na ida e vida dos correos fóisenos facendo un roce de amizade sincera e noble, como el era.

Para os que non saiban o que o Patronato da Cultura Galega significa entre as entidades galegas da emigración, abonda con dicir que é a entidade que sustenta o programa de radio en lingua galega máis antigo de cantos están en emisión no mundo. Cando nin aquí nos atreviamos a soñar cun programa na nosa lingua eles xa o estaban lanzando ás ondas. E o mérito non é que o fixesen daquela, o mérito é que non deixaron nunca de facelo, que o seguen a facer hoxe e que no 2025 cumprirá 75 anos nas ondas.

No Patronato Nelson alentou, rodeado de outros galegos bos e xenerosos, unha grande actividade netamente cultural na que a nosa lingua era a man que o agarimaba todo. Presidiu tamén a comisión de cultura do Centro Galego de Montevideo co mesmo ánimo e ambición.

Fillo de emigrantes compostelanos no Uruguai naceu alá, porque como é sabido os galegos ás veces nacemos onde nos cadra. Quixo o azar que seus pais regresasen a Galicia cando el era pequeno e medrou polas rúas de Santiago adiante. Seu pai tiña un pequeno obradoiro de vimbio na rúa Nova e Nelson lembraba, anos despois, que o acompañara moitas veces a buscar os vimbios ás aldeas da zona da Lavacolla. Quizais nalgunhas casas de Santiago aínda se conserven cadeiras, sillóns ou lámpadas feitos con aqueles vimbios que Nelson carrexou.

O regreso do pai a Galicia viñera marcado pola súa participación nunhas folgas en Uruguai e a persecución á que se viu sometido posteriormente. De volta na Terra encontráronse coa guerra e a postguerra triste e gris. Nelson medrou entre o barrio do Carme de abaixo onde vivía a familia, a rúa Nova onde seu pai tiña o obradoiro e o Colexio dos "Hermanos" onde estudou brillantemente, como facía todo el. O nome, moi popular no Uruguai, tróuxolle algunha dificultade por aquí. Contaba que a piques estivera de non recibir a Confirmación, na capela do Pilar, porque o vigairo dixo que Nelson non era nome cristiano e que non podía confirmalo con ese nome. Salvouno desa exclusión o ter de segundo nome Enrique.

Aos 18 anos decidiu regresar a Montevideo, e de alí en diante foi e veu a Santiago non sei ben cantas veces, porque non coñecín outro picheleiro máis picheleiro que Nelson E. Regueiro Piñeiro.

Dicía que se fora de Galicia, por todo o que lle escoitara falar a seus pais do país que os acollera un tempo e porque o ambiente de posguerra invitaba a marchar.

Debuxaba extraordinariamente ben. Ao pouco de xubilarse mandeille de agasallo unhas plumillas e uns botes de tinta. Contestoume que xa non tiña o pulso tan firme como noutro tempo. Na miña casa colgan tres ilustracións feitas con esas plumillas e sei por iso que me "mentiu", sobrepasado pola súa modestia, porque son tres debuxos ben fermosos e tiña o pulso tan firme como o corazón. Un deles, obviamente, da fachada do Obradoiro da catedral de Santiago. Tanto se indentificaba coa cidade e a catedral que a súa imaxe no whatsapp tamén era unha fotografía do Obradoiro.

Cando viña a Santiago "recibía" nunha mesa do vello Derby, por onde ían pasando os amigos galegos que fixera durante anos. Profesores universitarios, lectores de galego, políticos que nalgún momento estiveran no Uruguai e que conservaban un boísimo recordo do seu trato sempre afable e coidadoso. O seu principal problema cando viña de visita era xestionar a axenda de todos os que o queriamos ver e abrazar.

Se fose certo que san Pedro recibe á xente nas portas do ceo, estou segura de que a Nelson o recibiu coas palabras con se abre o programa de radio do Patronato dende hai 74 anos: "Bos días, galego, eiquí sempre en Galiza".