'Colaboradores necesarios', por Eladio Munin Barreiro

Cando o ínclito colaborador da RTVG e de La Voz de Galicia Roberto Blanco Valdés nega que exista tal persecución a certas posicións políticas, e pon exemplos como Dolores Delgado ou Magdalena Valerio, pero esquece seguramente sen querer, faltaría máis, varios casos que sucederon no noso país, nalgún caso colaborando el activamente. Vexamos:

-Fernando Blanco, ex conselleiro do BNG no bipartito. Pregúntenlle que via crucis pasou até que foi declarado inocente.

-Anxo Quintana, maltratador (Baltar dixit) ou a cámara de refrixeración para as cervexas e os gin tonics no coche oficial que acabou sendo unha neveira de praia.

-Emilio Pérez Touriño, que se sillas de 1.000 euros, arranxos de luxo nas oficinas de Presidencia ou coche blindado como o da raíña de Inglaterra... Lembra señor Blanco Valdés? Todo trolas.

-López Orozco e Besteiro en Lugo.

-Paco Rodríguez en Ourense, detido, centos de páxinas na prensa e logo de dez anos absolto. Etc.

E isto ten que resultar moi duro, pois a maiores do sufrimento de verse calumniado, incluso detido, imputado, acusado e acosado teñen que ver como os de enfronte teñen inmunidade absoluta. Vexan Ourense e a súa Deputación.

Así que señor Blanco Valdés, a persecución periodística existe en Galiza desde que o PP perdeu cota de poder. Tiro ao pichón.

Igualmente, a xudicial, con colaboradores en ambos os gremios, no xornalístico e no xudicial.

Así que faga memoria e de seguro lle saen máis casos porque habelos hóuboos.

Eladio Munin Barreiro (O Irixo)