'A lingua galega, a traxedia soterrada', por Miguel Rodríguez Carnota

Chove sobre mollado e non ten traza de parar. En cada conversa, nais e pais galegofalantes conscientes repiten sen parar o mesmo testemuño: as súas crianzas, educadas en galego e cunha altísima valoración da nosa lingua e cultura, son incapaces de manter no tempo o uso normal do noso idioma e pásanse sen reservas ao español na procura de integración social. Os seus relatos vitais, inzados de episodios de desconsideración, ignorancia e desprezo, revelan as causas dunha traxedia de magnitude e fondura colosais.

Sabemos pola investigación recente que as escolas galegas soen ser aquelas institucións nas que as crianzas que entran galegofalantes saen coa lingua mudada. O fenómeno do acoso lingüístico na escola está aí, e os ataques poden provir tanto de alumnos como de profesores. Son eses episodios os que acaban modelando os hábitos lingüísticos da xente moza. Mais o problema soborda os muros das escolas e institutos para se instalar noutros ámbitos máis amplos e determinantes, nesa imprescindíbel rede de relacións sociais infantís e adolescentes. Cantos nas nosas cidades, na maioría das nosas vilas e en moitas das nosas aldeas, por moito que queiran, son capaces de socializar integramente en galego, esa lingua que, porén, todos entenden?

Que nos sucede? En que clase de país estamos para que, sen intervención directa das autoridades nin lei que o prohiba, unha persoa nova deba claudicar daquela lingua que tan coidada e orgullosamente lle transmitiron pai e nai? Detrás de cada mudanza de lingua hai un doloroso drama. Cal é a causa de que incluso familias nacionalistas consideren como un trunfo o feito de que as súas crianzas sexan cando menos capaces de conservar o galego... na casa?

Un básico concepto da ciencia sociolóxica fálanos de anomía. Anomía, ou a ausencia práctica de normas sociais, que provoca unha distancia insalvábel entre os valores proclamados e lexislados (tolerancia, liberdade, respecto á diversidade) e o que realmente sucede na rúa, á vista de todo o mundo. Así entendida, a anomía é a filla da hipocrisía e a irmá do cinismo. En cuestións de lingua, a distancia entre normas e feitos mídese na Galiza por quilómetros. Na historia doutros lugares, a anomía percibida polos pobos foi capaz de tirar imperios, liberar países e resucitar linguas.

Fuxamos do catastrofismo. Aínda temos moita forza. Hai moita carraxe no relato desas nais e deses pais contrariados pola biografía lingüística dos seus fillos e fillas. Hai que canalizala. A traxedia soterrada de milleiros de crianzas e persoas novas debe abandonar o ámbito da conversa privada para entrar de cheo no discurso normalizador e figurar destacado na primeira páxina. Todo para non seguirmos enleados nunha realidade que, máis de corenta anos despois da aprobación da Lei de Normalización Lingüística (relean, por favor, o artigo 3), se identifica con aquela coñecida máxima do Groucho, esa que afirma que partindo da nada, acadamos as máis alta cotas da miseria.

Miguel Rodríguez Carnota (A Coruña)