'A voltas co patrimonio industrial das Pontes', por Xosé-Bieito Coello Coello

Despois de ler a carta que publicou o Sr. Alcalde das Pontes o pasado día 6 sobre o desmantelamento de Endesa, vese que perdeu ese carisma conciliador que parecía ter para transformarse no clásico político demagogo que utiliza a mentira para conseguir os seus fins, máis propio dos políticos ultras. Polo intre ten sorte de contar con algúns medios, aos que ao longo do ano o Concello sufraga con moita propaganda, e dunhas asociacións bastante domesticadas que ultimamente non se ve que teñan unha grande actividade defendendo, por exemplo, os problemas sanitarios que padecemos, a falta dunha residencia pública para maiores e, sobre todo, a decadencia que sufrimos en canto a emprego e poboación. Incluso algunha asociación, como a dos camioneiros, sae en defensa do Sr. Alcalde non só para defender o traballo dos asociados, cousa que sen ningún xénero de dúbidas todos compartimos, senón para poñerse tamén a facer demagoxia contra outro grupo da oposición.   

Porque é demagoxia dicir que o plan que algúns pensan para as instalacións de Endesa e Alcoa é só un museo industrial. Reclamar que cando se faga o desmantelamento de Endesa permaneza nas Pontes a cheminea como o maior símbolo industrial desta vila, o parque de carbóns, que pode utilizarse para outros destinos industriais, e outros edificios que tamén poderían ser útiles para diferentes fins non impide para nada que no resto do solo agora ocupado por Endesa poidan poñerse outras industrias unha vez preparado. O que, por certo, debía facerse cando antes. Simplemente pode ir a Ponferrada e moitos outros lugares e comprobar como se restaurou unha antiga central, a de Compostilla, e seguíronse facendo empresas a carón deses lugares.

É curioso como o Sr. Alcalde, cando tiña ideas museísticas, vendía continuamente que se ía facer o Museo da Mina e inmediatamente se ían construír uns portais de entrada en Saa e Espiñaredo. Todo iso, como outras cousas, só era fume. Tamén prometeu un parque tecnolóxico para o que se compraron terreos, mais o certo é que no seu mandato —17 anos— non se incrementou un só metro o solo industrial das Pontes.

Dos proxectos que ata o de agora se di que se van facer nas Pontes, ningún vai no solar que ocupa a central térmica. Se se fixese o de Ence, iría no parque de carbóns da mina. Tamén é mentira, e o Sr. Alcalde sábeo, que se se deixan en pé a cheminea e outras instalacións o mantemento é insostible para o Concello. Ese gasto en moito tempo é ínfimo, e como outro patrimonio o seu mantemento pode e debe ser pagado por Endesa e a Xunta, ou incluso ser unha fonte de ingresos se se sabe xestionar, como pasa noutras moitas zonas como vimos nunha recente exposición na Casa Dopeso.

As Pontes é un lugar inmellorable para as industrias, pois ten auga, vento, posibilidade de solo industrial e persoal cualificado. Ninguén se pronunciou en contra das industrias anunciadas; ao revés, moitos pensamos que non se pelexou dabondo dende o Concello para traelas.

Tampouco ninguén se opón a enerxía eólica, sendo As Pontes xa unha potencia nesa enerxía, polo número de eólicos e sobre todo pola súa produción. Ao que si nos opomos moita xente é a que se sigan poñendo aeroxeradores, que son pozos de petróleo eternos, por empresas colonialistas, sen consenso cos concellos e veciños e sen practicamente repercutir a nivel económico no país, incluso pechando empresas que construían eses eólicos. A Comunidade de Madrid non ten ningún eólico e ten moitísimas máis empresas que Galicia. É unha solemne mentira dicir que Alcoa pode pechar por falta de eólicos, cando xa Galicia exporta o 45 % da electricidade que produce. Porque o Goberno non inviste nela como fai en Telefónica, pois mesmamente é unha empresa de interese nacional

Se un enorme almacén de Amazon se instala en Aragón non é que esa comunidade teña máis produción eólica que Galicia, posiblemente sexa que o PSOE aragonés saiba moverse en Madrid moito mellor que o PSOE galego, do que, por certo, o Sr. Alcalde das Pontes ata hai pouco era o seu responsable máximo.

Xosé-Bieito Coello Coello (As Pontes)