Aínda máis difícil

A12 días de poder participar nas eleccións europeas, temos tempo abondo para repasar os programas que nos presentan as formacións e poder ponderar canto e como nos afectan. No “+socialismo” do PSOE, o “rumbo en Europa” de Sumar, o “paz y derechos” de Podemos e o “nos van a oír” de Vox, nunhas proclamas nas que xa abondo se dilúen os territorios e as súas problemáticas particulares só nos apela directamente, e por motivos obvios, “a voz de Galicia en Europa” do BNG. Un partido que, á súa vez, concorre con outros nun grupo máis amplo. Difícil para quen vai votar, xa non digamos para quen o vai facer por primeira vez.

Complícao aínda máis un PP que, no canto de programa, fixo un manifesto. Agochado da páxina de inicio da súa web, o texto incide na liberdade, esa liña marcada por unha Ayuso que agora fai chiscadelas ao “carajo” de Milei. O aínda máis difícil dunha política europea na que, como pobo, tentamos atoparnos.